Cimeira política do BNG e o Bloco de Esquerda para impulsar o Corredor Atlántico e a velocidade alta entre Galiza e Portugal

Olalla Rodil e Luís Bará
Olalla Rodil e Luís Bará

O encontro en Vigo das dúas formacións contará cunha representación ao máximo nivel lideradas por Ana Pontón e Catarina Martíns, respectivamente

Bará: “trátase de cooperar entre ambas forzas para influír nos gobernos español e luso de cara a sacar adiante estes proxectos fundamentais”

O Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda celebran unha cimeira política ao máximo nivel en Vigo este 14 de decembro co obxectivo de deseñar unha estratexia para impulsar o transporte ferroviario entre Galiza e Portugal na súa dobre vertente de transporte de mercadorías e pasaxeiros.

E dicir, no primeiro caso para impulsar a execución do Corredor Atlántico integrado na Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) e, no segundo, para modernizar a conexión por tren  entre Vigo e Porto,  a coñecida como “conexión Sur”, de tal xeito que un traxecto que hoxe leva máis e dúas horas pase a ser de 55 minutos.

O encontro será ao máximo nivel de ambas formacións, de tal xeito que a delegación do BNG estará liderada pola portavoz nacional, Ana Pontón, e a do Bloco pola coordinadora nacional, Catarina Martíns.

Ambas presidirán unha mesa de traballo integrada na parte galega pola portavoz parlamentaria en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado provincial responsable de asuntos transfronteirizos Uxío Benítez, a deputada e portavoz de Ordenación do Territorio, Alexandra Fernández; a deputada e portavoz de Comercio, Carmela González e polo deputado e portavoz de Infraestruturas Luís Bará. Ademais do portavoz municipal en Vigo, Xabier Pérez.

Na parte lusa, ademais de Martíns, estará a deputada á Assembleia da República  e integrante da Comissao  de Economía e Obras Públicas, Isabel Pires; o deputado e presidente da Comissao de Ambiente, Energia e Ordenamento do Territorio,  José María Cardoso; e José Soeiro, deputado e membro da Comissao de Trabalho e Segurança Social.

“O obxectivo deste encontro é afianzar a cooperación entre ambas organización arredor de iniciativas estratéxicas para Galiza e Portugal, principalmente no ámbito das infraestruturas, unha oportunidade para relanzar proxectos de comunicación por tren entre Vigo e Porto para reducir os tempos de conexión entre ambas urbes”, explica Luís Bará, ademais as dúas organizacións “traballarán para impulsar diante dos goberno español e portugués o corredor Atlántico”.

En definitiva, avanza Bará, “trátase de poñer as bases entre as dúas organizacións para influír ante os gobernos español, portugués e ante a Unión Europea de cara a impulsar estes proxecto fundamentais para ambos territorios”.

Alianzas e estratexia

Ambas formacións queren sacar adiante unha estratexia política para impulsar as infraestruturas ferroviarias entre os dous territorios, imprescindibles para o desenvolvemento económico, a creación de emprego e a dinamización social. Neste sentido, BNG e o Bloco queren actuar como lobbies nos seus respectivos ámbitos de influencia política e institucional para facer realidade canto antes dúas infraestruturas clave: o Corredor Atlántico para o transporte de mercadorías e a conexión con alta velocidade Vigo-Porto para o transporte de viaxeiros.

O Bloque considera fundamental tecer alianzas co país veciño para sumar a favor da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, evitando que o corredor atlántico quede relegado fronte ao corredor mediterráneo ou que o Goberno do Estado antepoña o AVE Madrid-Lisboa á conexión Vigo-Porto para pasaxeiros.

Deseñar estratexias nesa dirección será o obxectivo deste cumio galego-portugués da man de dúas forzas políticas. O BNG conta con 19 escanos no Parlamento de Galiza, e  Bloco de Esquerdas con outros tantos representantes na Assembleia da República de Portugal.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG