BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que retire o convenio “Coida os teus ollos” que articulou “unilateralmente” a través da Consellería de Sanidade e o Sergas para que os establecementos ópticos se adhiran “individualmente” co obxectivo de desenvolver un programa de prevención dos problemas visuais, o que na práctica supón “continuar coa privatización desta atención sanitaria”.
Así o advertiu a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, quen reprochou ao Goberno galego a súa decisión unilateral de promover este novo convenio de adhesión individual de cada óptica co SERGAS, logo que o Colexio de Ópticos-Optometristas decidira en marzo de 2020 renunciar á renovación do convenio de colaboración previo subscrito polo conxunto do colectivo profesional co SERGAS en 2007 para realizar nas ópticas, sen compensación económica, algúns servizos de valoración da saúde visual das e dos pacientes do Servizo Galego de Saúde.
“Por que a Consellería promove este novo convenio tras decidir o Colexio de Ópticos-Optometristas non continuar? Con quen se negociou este convenio? Por que a día de hoxe só está colgado na web da Consellería un resumo das súas cláusulas e non a súa integridade? Tense realizado a formación que se establece no propio convenio?”, preguntou a deputada nacionalista para a continuación cuestionar a ética dunha decisión que implica derivar unha prestación sanitaria de xeito totalmente gratuíto ao longo de catro anos a empresas privadas que, como é lóxico, teñen como obxectivo o beneficio económico dos seus servizos profesionais.
Prado denunciou que a decisión da Xunta está xerando desconcerto e malestar neste colectivo de profesionais cun convenio que non chega aos 200 establecementos adheridos, cando ata a renuncia do Colexio a cifra ascendía a 600 e reprobou ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, que afirmara que o convenio era froito da experiencia positiva previa, “cando o Colexio está dicindo que non quere seguir”; que se negociara cun grupo representativo de 15 persoas: “pero quen decide a representatividade dun colectivo, cando existen uns órganos de representación regulados?”, reprochou; e que non se facilitaba ás ópticas interesadas o convenio íntegro porque é un primeiro achegamento: “que seguridade xurídica ofrece a Xunta como administración pública que é?”, censurou con severidade.
“Para o BNG non ten ningunha xustificación este convenio polo escurantismo co que se está a levar a cabo, con lagoas xurídicas, a pouca claridade dos seus obxectivos e -recalcou- fundamentalmente porque significa a externalización clara dunha prestación sanitaria que debe prestar o Sergas”. Neste sentido, asegurou que a prestación do servizo articúlase se hai oferta privada e que logo de realizar a proba de saúde visual son os profesionais dos establecementos privados os que introducen eses datos no sistema público. “A pregunta é se a partir de agora van permitir que calquera persoa que realice unha proba no ámbito privado co profesional que sexa introduza o resultado no sistema público”, cuestionou.
Para a deputada nacionalista, o Goberno do PP “parece que está intentando colar unha prestación pola vía do convenio” e amosou as dúbidas existentes sobre o seu encaixe xurídico na Lei que rexe os contratos públicos. “Pretenden que se preste un servizo a costa dunhas e duns profesionais cualificados e que o fagan de xeito gratuíto e sen contemplar as consecuencias, o impacto económico, sobre as ópticas que non se adhiran ao convenio”, afeou.
Logo de recordar que a Xunta “ten a obriga” de prestar atención sanitaria á saúde visual e non delegala en entidades privadas, a portavoz de Sanidade reclamou ao Executivo galego que garanta esta prestación directamente na sanidade pública, con medios e profesionais propios, tanto no referido á prevención como á promoción e atención ás diferentes patoloxías, “incluíndo aos profesionais óptico-optometristas no Sergas, tal e como acontece noutras comunidades do Estado español e como debería ser en Galiza”.