BNG urxe paralizar o fechamento da oficina de MUFACE en Santiago de Compostela

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista recolle así as demandas trasladadas desde o colectivo de persoas xubiladas y desde a Área Pública da CIG que reclaman manter a atención presencial do servizo e evitar o peche progresivo de oficinas

Néstor Rego exixe ao Ministerio de Facenda e Función Pública que garanta unha atención próxima e accesíbel, sensíbel coas necesidades das persoas usuarias

O deputado do BNG, Néstor Rego, recolle as inquedanzas das persoas mutualistas e rexistra no Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado os servizos de MUFACE continúen en Santiago de Compostela e manteñan a atención presencial. A formación nacionalista exixe que non se recorten servizos e obrigando ás persoas a utilizar, en exclusiva, os medios dixitais, sen reparar nas dificultades persoais ou técnicas que isto pode supor para moitas delas. Rego recolle así, as demandas feitas públicas pola Área Pública da central sindical e polo seu colectivo de persoas xubiladas, que anuncian mobilizacións para evitar o fechamento da oficina.

A finais de agosto, o servizo provincial de MUFACE na Coruña anunciaba o fechamento definitivo da oficina situada en Santiago de Compostela a partir do 30 de setembro. A xustificación baseábase na xubilación das funcionarias destinadas na oficina e, posteriormente, alegou a necesidade de centralizar o servizo na cidade da Coruña, posto que a oficina de Santiago de Compostela era só unha oficina delegada, que “non realiza trámites directamente” excepto algún servizo pouco utilizado.

“Este fechamento deixará sen atención presencial directa a todas as persoas mutualistas do sur da Coruña, milleiros de persoas que teñen como punto de referencia a oficina de Santiago para realizar diversos trámites de maneira presencial” explica o deputado do BNG. “É imprescindíbel manter este punto de atención para dar servizo a todas as persoas mutualistas- sobre todo do persoal de primaria e secundaria do ensino público, o profesorado universitario, persoal de Correos e mesmo os do servizo da Administración do Estado- e as súas familias” reivindica Rego.

Por este motivo, a organización frentista traslada ao Goberno do Estado e, concretamente, ao Ministerio de Facenda e Función Pública que paralicen o fechamento da oficina. “Existe unha grande demanda e unha necesidade evidente de manter aberta e en pleno funcionamento a oficina de MUFACE de Santiago de Compostela” enfatiza mentres sinala que a posibilidade de realizar as xestións telemáticas non pode ser xustificación para eliminar a atención presencial. 

“O fechamento provocará graves trastornos e inconvenientes nun gran sector da poboación que non manexa habitualmente, na súa maioría, as novas tecnoloxías e que se verá obrigado a depender doutras persoas para a realización das súas xestións” recrimina Rego. Así mesmo, explica que non pode empregarse como xustificación o pouco volume de traballo, posto que a oficina esta oficina é a que conta con maior demanda de atención presencial, inclusive durante a pandemia cunha media de 25 presenciais.

“Se clausuran a oficina de Santiago os usuarios deberán desprazarse até a cidade da Coruña, percorrendo unhas distancias de más 100 km en moitos casos, perdendo case todo o día na viaxe e debendo sufragar os gastos do desprazamento do seu peto. É intolerable que neste caso a Administración Xeral do Estado decida non cubrir as prazas das persoas que se xubilan e manter o servizo e que aposte, máis unha vez, polo recorte de servizos públicos e a eliminación de postos de traballo.

“Debe garantirse unha atención próxima e accesible, sensible coas necesidades dos usuarios e usuarias, neste caso persoas na súa maioría xubiladas, que necesitan desa atención próxima, persoal e presencial” conclúe Néstor Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG