O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas de urxencia sobre a expedición para a baixada ao pecio do Vila de Pitanxo e o incumprimento do Ministerio de Transportes a respecto das Providencias Xudiciais emitidas pola Audiencia Nacional. A frente nacionalista urxe o Goberno do Estado a rectificar a súa postura opaca en todo o procedemento e a contribuír, de maneira eficiente, na investigación xudicial aberta que permita esclarecer as causas do afundimento e facer xustiza, así como trasladar ás familias información sobre a operación de baixada e as decisións adoptadas ao respecto.
A pasada semana, o Bloque Nacionalista Galego exixía ao Goberno do Estado trasladar toda a documentación sobre a saída do buque Ártabro, encargado da expedición para descender ao pecio do Vila de Pitanxo. Sorprendentemente, o Ministerio de Transportes, a pesar das reiteradas advertencias por parte do órgano xudicial instrutor, a saída do buque produciuse sen cumprir coas instrucións xudiciais.
“Na nova providencia ditada onte, 22 de maio, a Audiencia reitera que non se deu cumprimento polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao seu anterior comunicado, exixindo que a CIAIM remita o contrato asinado coa empresa adxudicataria” sinala o deputado do BNG. Ademais, constátase que o buque partiu contando “cun só perito xudicial e sen expresa autorización por parte do xulgado.
“É máis, o propio oficio deixa claro que o órgano xudicial non ten constancia oficial da partida do buque, nin de se, efectivamente, se atopan a bordo algún dos peritos xudiciais designados” denuncia Rego. Alén do máis, tampouco se comunicou o itinerario, nin as datas previstas para a realización dos traballos nin as medidas que se adoptarán para garantir a práctica da pericia xudicial acordada.
Segundo explica o deputado nacionalista, ao ignorar os requirimentos xudiciais “faise perigar a validez das probas que poidan atoparse durante a baixada ao pecio, impedindo, ademais, o normal desenvolvemento do proceso e a contradición da proba, ao non poder designar perito de parte que estea presente no desenvolvemento da pericia”.
“O Ministerio de Transportes debe cumprir cos requirimentos xudiciais enviados e remitir o contrato asinado coa empresa adxudicataria” reclama Néstor Rego. A este asunto, o deputado engade a demanda ao Goberno do Estado para que cumpra cos requirimentos da Subdirección Xeral da Administración e Xestión Financeira e a propia CIAIM -máximo responsábel de cada un destes dous organismos- informe sobre as razóns polas que non se deu debido cumprimento ao ordenado nas instrucións claras e precisas remitidas, posto que se constatou que o buque partiu contando cun só perito xudicial e sen a expresa autorización do xulgado.
“Non é xustificábel que o órgano xudicial encargado desta investigación non teña constancia oficial da partida do buque nin de se se atopan a bordo algúns dos peritos xudiciais designados” apunta o deputado do BNG. En opinión de Néstor Rego, o Goberno debe dar todas as explicacións oportunas e rectificar na súa postura escurantista para, tamén, “permitir que se leve a cabo a investigación xudicial aberta con todas as garantías, esclarecer as causas do afundimento e facer xustiza”.