O BNG solicitará a comparecencia no vindeiro Pleno do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, para que dea conta das actuacións da Xunta diante do “problema produtivo, económico e social de primeira orde” que está a supor a perda de produtividade das rías galegas para o sector do mar e, especialmente, para o marisqueo.
Así o anunciou a deputada Rosana Pérez, que vén de reclamar ademais ao Goberno galego que “saia da parálise na que se atopa” e tome medidas con carácter de urxencia ante a “situación de emerxencia” que se está a vivir no sector, exercendo as súas competencias que, lembrou, son exclusivas no que se refire ao marisqueo.
“A situación é absolutamente extraordinaria e por iso é preciso tomar medidas extraordinarias”, advertiu a deputada nacionalista, que xa adiantou que o BNG vai propoñer no Parlamento o establecemento con carácter de urxencia dun fondo específico de axudas tanto para as persoas traballadoras como para as confrarías afectadas pola baixa produtividade das rías do País. Unha perda de produción que, tal e como denuncia o sector, se vén detectando de maneira continuada dende hai anos e se veu agravada agora polos episodios de mortaldade masiva de bivalvos rexistrados entre os meses de outubro e novembro.
Ante a gravidade do que está acontecendo nun sector que é vital para a economía galega, o BNG proporá ademais a creación inmediata dun comité de crisis no que, ademais do propio goberno galego participen representantes do marisqueo, de institutos científicos e das universidades, co obxectivo de estudar en profundidade as causas da baixa produtividade e coñecer con exactitude por que están a morrer os bivalvos -sobre todo berberecho e ameixa, pero non só-.
A partir de aí, explicou Rosana Pérez, a proposta do BNG pasa por elaborar un plan plurianual con medidas eficaces para poñer freo a unha situación que, asegurou, “xa é insostible” e está poñendo ao sector “contra as cordas”, até o punto de que hai traballadores que están optando por abandonar o sector ou sobreviven sen cobertura social.
A deputada do BNG xa defendeu no pasado pleno unha moción cunha batería de propostas, entre as que se incluían, ademais das axudas inmediatas ao sector e a realización de estudos científicos, un protocolo para o baleirado dos encoros, intensificar as actuacións para o saneamento das rías, o apoio a criadeiros de semente propia, a creación dun seguro público de produción marisqueira que garanta uns ingresos dignos ás mariscadoras e os mariscadores, o control na introdución de especies mariñas foráneas e depredadoras ou o estrito control sanitario do marisco importado.
Rosana Pérez criticou que a Consellería do Mar manexa uns orzamentos que “son cada vez máis raquíticos” , cun “escasísimo” aumento do 1,2 % do ano pasado a este e cunha execución que é das máis baixas do conxunto de departamentos da Xunta. No 2022, detallou, deixáronse sen executar 47 millóns dun total de 194 -case unha cuarta parte do total- e reducíronse partidas e programas principais que permitirían intervir nos bancos marisqueiros.