A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez formulou unha pregunta á titular de Mar sobre o conflito da mexilla do que dixo: “para o BNG, non existe un problema entre mexilloeiros e percebeiros. O problema é a Xunta de Galiza e o Partido Popular”.
Nesta liña, denunciou que o Partido popular mostrou unha “grande desidia” durante 14 e o consello de “ti vai facendo” abocou aos dous sectores ao límite. Para a deputada, a consellería do Mar incorreu en varios erros, “non investiu en coñecemento nin puxo os medios e o esforzos suficientes para buscar alternativas á extracción da mexilla no medio natural”.
Na súa intervención, Rosana Pérez lembrou que a propia Quintana afirmaba nun acto electoral, “eu nunca fun das que me escondín”, e isto, recalcou a nacionalista, é verdade porque a conselleira, explicou Pérez, nunca se escondeu pero leva meses, “agochada detrás dun director xeral que resolve aínda peor”. Nunca se escondeu di, pero rexeita a petición do BNG de comparecer neste Parlamento e dar explicacións. E mesmo chegou a dicir que “nunca permitirei que ningún político utilice o sector”. Nunca o permitirá porque vostede, volveu a sinalar a deputada do BNG, é a única política que leva anos utilizando a un e a outro sector cando e como lle convén.
Do mexillón e do percebe viven miles de persoas neste país, comarcas enteiras da nosa costa ás que vostede trasladou “división e enfrontamento”, e agora defende un plan de xestión da explotación da mexilla. Un plan que falou con quen, que negociou con quen? preguntou.
Parta de cero, “xa non lle queda nada que perder e moito que gañar”. Convoque aos sectores dende a humildade e non dende a prepotencia, séntese con eles e acorde as solucións a este despropósito que só vostede provocou.
Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana mostrouse partidaria dun diálogo real entre os sectores e a administración pública ao que a deputada do BNG respondeu que ese dialogo non pode ser “consigo mesma”. Fale cos sectores e busque puntos de encontro. “Abandone a súa política errática” e cambie de talante para “dialogar e acordar”. Busque o maior entendemento entre mexilloeiros e percebeiros.
Tras aprobar medidas e pechar zonas que despois tivo que abrir aínda continúa vostede afirmando que ten a man tendida, criticou a nacionalista.
Os sectores xa non a secundan e na mesa de negociacións está vostede “soa” porque o paquete de medidas aprobadas hai menos de dous meses “tampouco serve para nada”.
A deputada urxiu a titular de Mar a retomar o diálogo e poñer en riba da mesa medidas que resolvan o conflito que o PP e a Xunta crearon entre mexilloeiros e percebeiros, concluíu.