A deputada do BNG por Lugo, Carme Aira reclamou, a través dunha pregunta ao goberno, “dotar de persoal necesario e reforzar as categorías para garantir unha atención de calidade na Atención primaria no sur de Lugo”.
Na pregunta ao conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, a deputada cualificou a dotación sanitaria pública para o sur de Lugo de “manifestamente deficitaria”, tanto na Atención primaria como hospitalaria e agravada pola “dispersión e media de idade dos seus habitantes”.
Para a deputada, a realidade constata que “a falta habitual de persoal facultativo deixa á poboación sen asistencia médica inmediata na Atención primaria” e ao resto de persoal dos centros cun incremento de “cargas de traballo inasumibeis”.
A parlamentaria nacionalista explicou que “a dotación de persoal médico no Centro de Saúde de Monforte, despois de meses con cinco facultativos ou menos, pasará a ter 7 ou 8 médicas e médicos dos 12 orzamentados e previstos” ademais de sen quenda de tarde. Pola súa parte, o persoal administrativo realiza triaxe, que non lle corresponde e o XIDE e persoal de enfermería atende ás persoas doentes que non teñen médico asignado.
Falta de pediatras e listas de agarda de 15 a 20 días
A deputada denunciou a falta de pediatras que obriga a unha gran parte das crianzas da zona a non recibir atención especializada xa que de 3 especialistas, “1 ou ningún en moitas ocasións”, deixan sen atender a máis de 3.000 crianzas de distintos concellos.
As funcións de pediatría, tanto facultativa como de enfermería, inclúen, dixo Carme Aira un seguimento que resulta imprescindible con controis e atención continuada para poder ofrecer “ unha atención de calidade”.
A deputada do BNG preguntou ao titular de sanidade que medidas vai implementar para “remediar” esta situación e a desorganización que provoca que as e os doentes reboten do PSX á enfermería, da enfermería á consulta do médico e de volta á de enfermería, durante a mesma mañá.
“Non se trata só de contratar persoal, trátase de reforzar as categorías que o precisan, e introducir profesionais novos, dándolle coherencia dentro do equipo de traballo para que, ao tempo que se amplía a carteira de servizos, mellore a asistencia sanitaria á poboación e sen incrementar as cargas de traballo sobre outros e outras profesionais”, afirmou.
Tras a resposta do conselleiro que recoñeceu a “problemática” trasladada pola nacionalista e asumiu que as listas de contratación de médicos están a cero, Carme Aira recalcou que os “problemas na Atención primaria son reais” e a intención do PP é que as enfermeiras atendan a pacientes que “non teñen médico”.
Vostedes, dixo, contrataron nutricionistas con fondos do Ministerio, “moi necesarias sen dúbida”, pero só fan a primeira consulta, o seguimento encomendado a eses facultativos tras a consulta é realizado polas enfermeiras que xa teñen “unha carga de traballo que as sobrepasa”.
“Mesmo as PSX que contrataron para informar á cidadanía, xeran máis traballo ó resto dos psx, e facer a chave 365 mentres teñen que reasignar axendas constantemente por ausencia de facultativos, e fan a triaxe, sen que a súa empresa tampouco lles garanta seguridade xurídica algunha no seu desempeño profesional, nin tampouco nestas condicións o SERGAS é capaz de garantir a seguridade das doentes. O incremento de persoal ten que ser para formar equipo, cousa que non parece que suceda, tampouco co persoal de enfermería de atención domiciliaria denominados ESAD”, explicou Aira.
Por outra parte, lembrou que o día 15 o Centro de Saúde de Pantón “quedou varias horas sen médico” e derivando aos doentes a Escairón. Esta deficiente situación sanitaria é a que estamos padecendo no sur de Lugo aínda que o Partido popular persista en “negar a realidade”.
A parlamentaria nacionalista lamentou a falta de compromiso por parte do conselleiro de Sanidade e remarcou que os cidadáns do sur de Lugo non “merecen ser tratados como cidadáns de segunda”.
A deputada concluíu a súa intervención anunciando que o BNG continuará denunciando “a insuficiencia” do persoal facultativo e sobrecarga de traballo do colectivo de enfermería ao que sumou a falta de pediatras. Dende o BNG, “reclamamos unha atención sanitaria digna e de calidade para o sur de Lugo”.