O BNG traslada emendas á Eurocámara para salvar o sector pesqueiro galego do desamparo da Xunta e o Estado

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada Ana Miranda critica a pasividade do goberno galego e insta á Xunta a “moverse” polo sector

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou unha batería de emendas ao Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP) na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, que recolle as demandas transmitidas pola delegación de representantes da frota costeira artesanal galega que estiveron esta semana na capital comunitaria. “Diante do desamparo e o abandono que sofren por parte do goberno galego tiveron que vir a Bruxelas para ser escoitados polas institucións comunitarias”, afirmou Miranda que tamén insiste “que o prazo de emendas rematou sen que o Goberno galego se dirixira a eurodeputadas membros da Comisión de Pesca coma min, non sei se o fixo cos do PP”. 

Se ben por un lado as emendas nacionalistas reclaman un aumento do orzamento dos fondos (de 6.140.000.000€ a 6.400.000.000€), que beneficiaria a toda a frota galega, fronte á baixada proposta polo documento presentado pola Comisión Europea, as iniciativas do BNG tamén inclúen unha definición máis ampla de pesca artesanal que a manexada até agora, de forma que recolla as especificidades do sector galego. “A pesca costeira artesanal presenta características e problemas específicos que a diferencian da pesca a gran escala”, salienta a eurodeputada do Bloque, quen explica que a definición debe ser “realista” e non limitada e desfasada co único criterio da dimensión das embarcacións a 12 metros. Galiza ten competencias propias en ordenación pesqueira nas augas interiores, co que debe respectarse tamén esas competencias por Bruxelas, afirma Ana Miranda. 

Diferencias entre acuicultura sostible e artesanal

Neste sentido defende que deben ser tidas en conta as artes de pesca e o seu impacto no ecosistema mariño o tempo de permanencia no mar, o número de tripulantes, así como o impacto económico nas poboacións costeiras. Miranda reclama tamén que se diferencie entre acuicultura extensiva sostible e acuicultura industrial, para protexer o marisqueo e as cetáreas que tanto traballo crean na nosa costa fronte ao modelo de macropiscifactorias que queria impor a Xunta coa Lei Galega de Acuicultura. “Non vaia ser que as grandes empresas leven os fondos que poderían ser repartidos equitativamente creando emprego e apoiando a unha acuicultura de pequena escala en innovación”, afirma a eurodeputada do BNG. 

Este sector da baixura presenta case o 75%  das embarcacións pesqueiras rexistradas na Unión Europea e case a metade dos postos de traballo do sector da pesca, porcentaxe igualmente alto no noso país e cunha enorme importancia social, económica e cultural tanto na pesca extractiva como no marisqueo. En consecuencia, Ana Miranda considera indispensable a creación dun “Programa específico para a Pesca Costeira Artesanal” que, ademais de contemplar estes criterios, inclúa medidas concretas para mellorar a saúde, a seguridade e as condicións de traballo tanto a bordo dos buques de pesca como en terra.

“Desde o BNG consideramos imprescindible mellorar as condicións de traballo tanto nas embarcacións durante as mareas como en terra posto que as actividades pesqueiras continúan unha vez que as capturas chegan a porto e ás lonxas”, explica Ana Miranda, quen denuncia a situación de desamparo e desleixo que vive o sector quen tamén reclama nunha emenda que se exclúa á pesca artesanal do sistema de TACs e cotas tan prexudiciais para o sector. Ademais, Ana Miranda pediu que se aumente o apoio ás mulleres no sector pesqueiro, xa que no marisqueo, redeiras, conserveiras e prazas de peixe, entre outros ámbitos, son a maioría e con enormes dificultades laborais. 

Auga limpa para pescar e marisquear

O BNG reclama asemade a coordinación da política de pesca comunitaria coa política medio ambiental, en particular coa relativa á protección de augas do mar e do litoral pois “se se segue permitindo verter nas Rías sen depurar, se non se solucionan problemas como os da Ría do Burgo, os bancos marisqueiros desaparecerán e con eles o traballo”. 

Outra das propostas presentadas polo Bloque refírese á diversificación de actividades dentro do sector pesqueiro. Neste sentido, Ana Miranda considera que é indispensable evitar que poidan financiarse “actividades que non teñen nada que ver coas actividades pesqueiras ou directamente relacionadas coa pesca, como se fixo até agora”. Este criterio, ademais de buscar a pervivencia do sector pesqueiro tamén pretender acadar a renovación xeracional, dado que a pesca é vital en moitas localidades costeiras galegas pero a media de idade supera os 50 anos e non hai relevo. 

Apoio á calidade dos produtos de pesca galegos

No obxectivo de protexer o sector da pesca costeira artesanal galega, o BNG tamén propón apoiar os produtos do mar mediante o rexistro de indicacións xeográficas de calidade e o apoio ás Denominacións de Orixe Protexidas, tal e como permite o propio Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios. “Esta sería unha medida fundamental para garantir a protección dos produtos galegos e prezos xustos”, subliña Ana Miranda. 

Ademais, o Bloque reclama subvencións para a innovación, así como para os casos de paralización temporal por vedas, temporais, accidentes na costa e mareas negras. Ao respecto sinala que deben considerar 15 dias sen actividade e perda de ingresos dun 30% dun ano antes, non 120 dias e 3 anos de valoración como pretende a Comisión Europea pois “con ese criterio moita frota galega que marea menos de 3 meses ficaría sen axudas”.  Nos dous casos, Miranda reclama “menos burocracia” na súa tramitación, xa que até co procedemento actual o sector quéixase da súa complexidade. “Xa bastante ten o sector con sobrevivir, pois moitas mariscadoras non chegan a 400 euros”, denuncia a eurodeputada nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG