parlamento galego

BNG traslada ao portavoz para Europa da FPLP a súa solidariedade con Palestina e a súa condena ás agresións israelís

Montse Prado e Fayez Badawi
Montse Prado e Fayez Badawi
Montse Prado transmite a Fayez Badawi o compromiso do Bloque para esixir a intervención internacional e deter os ataques sistemáticos de Israel     

A deputada nacionalista e vicepresidenta segunda do Parlamento galego, Montserrat Prado, trasladou ao portavoz para Europa da Federación Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), Fayez Badawi, “a solidariedade do BNG co pobo palestino, diante da barbarie e o xenocidio que sofre a mans de Israel e ante o silencio cómplice da comunidade internacional, incluído o Estado español”.

Prado recibiu a Badawi na Cámara galega onde tamén lle transmitiu “a máis enérxica condena” do BNG ás agresións israelís en Xerusalén, así como aos continuos bombardeos militares sobre Gaza, dun xeito especial, os últimos realizados o pasado mes de maio, “ataques indiscriminados -advertiu- contra a poboación civil que provocaron a morte de decenas de palestinos e palestinas, entre eles nenos e nenas, e contra servizos básicos, como a electricidade ou as comunicacións, e infraestruturas como hospitais ou escolas, que teñen por obxectivo converter nun inferno a vida na Faixa de Gaza”.

Neste sentido, Badawi explicoulle durante o encontro a grave situación que está vivindo o pobo palestino e as consecuencias das últimas agresións, así como a fonda preocupación polos constantes ataques e intimidacións contra as e os residentes palestinos en Xerusalén Este por parte das autoridades israelís e os colonos e, en concreto, os intentos destes últimos de desaloxar ás familias do barrio de SheikhJarrah, como parte da súa campaña continua de limpeza étnica. 

Neste contexto, Prado reafirmou o compromiso do BNG de denuncia desta situación e de demandar a intervención das institucións internacionais, comezando pola UE e o Estado español, para condenar e poñer fin a estas violacións sistemáticas, esixindo a Israel o cesamento das agresións e o respecto aos acordos de paz e ás resolucións da ONU sobre Palestina.

“A comunidade internacional ten que deixar de ser cómplice de Israel e actuar para poñer fin á ocupación e camiñar cara ao establecemento dun Estado independente, dentro das fronteiras recoñecidas tal e como estaban o 4 de xuño de 1967, e co dereito ao retorno de todos os refuxiados palestinos, de acordo coas resolucións da ONU”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG