BNG no Congreso, Néstor Rego, en coordinación co BNG de Compostela, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para solicitar que se impulse o Orbitaliño e a modificar o proxecto provisional publicado sobre a ligazón da estrada N-550 que pon en perigo a preservación do núcleo rural de Formarís. Ademais de exixir que o MITMA rectifique, Rego demanda manter aberto o diálogo co Concello de Santiago e a veciñanza afectada, na Sionlla, para respectar as peculiaridades e especificidades dos núcleos tradicionais galegos, baixo criterios de sustentabilidade ambiental, social e económica.
O anuncio publicado no BOE polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre o trazado da "Ligazón da estrada N-550 co Orbital de Santiago de Compostela e reordenación de accesos entre os puntos quilométricos 57+640 e 55+100" puxo en alerta a veciñanza de Formarís e o BNG. Este proxecto aprobado de forma provisional pode supor a fragmentación poboacional e non garante a cohesión territorial nin a fixación da poboación.
A frente nacionalista entende que a construción desta ligazón entre a AP-9 coa N-550, coñecido como o “Orbitaliño”, é unha prioridade para Santiago. De facto, esta infraestrutura fai parte das peticións realizadas polo Foro Cívico subscritas polo conxunto das forzas políticas representadas na Corporación Municipal. Mais esta nova conexión “debe respectar os núcleos tradicionais rurais coa menor afectación posíbel para evitar a fragmentación poboacional” afirma o deputado do BNG.
Rego entende que, ademais de respectar as peculiaridades e especificidades de Formarís, debe garantir a cohesión territorial e o acceso aos establecementos comerciais existentes. “Isto poderá realizarse se, por parte do Ministerio, existe unha vontade de diálogo co Concello de Santiago e a veciñanza afectada” destaca.
Cabe lembrar que o BNG trasladou ao Pleno do Concello unha moción urxente que instaba a facer “todas as xestións necesarias para que o proxecto desta infraestrutura, coñecida como Orbitaliño, fóra acordado coa veciñanza de Formarís, na Sionlla, e respectase os núcleos tradicionais rurais coa menor afectación posíbel para evitar a fragmentación poboacional e garanta a cohesión territorial e o acceso aos estabelecementos comerciais existentes”.
Precisamente foi a veciñanza de Formarís a que, xa en agosto de 2020, presentou un proxecto cun trazado alternativo para cumprir co obxectivo de conectar a N-550 co Orbital. A proposta veciñal require unha menor superficie de expropiación e non afecta ás vivendas, implica un menor impacto visual e produce un maior acougo do tráfico, redúcense as emisións de contaminación acústica e as vibracións. Ademais, resulta compatíbel co transporte público, xa que respecta as paradas de autobuses urbanos en ambos os sentidos da circulación.
“No BNG consideramos que o Ministerio debe seguir criterios favorábeis ao mantemento dos núcleos rurais e á fixación de poboación, respectando a sustentabilidade ambiental, social e económica” salienta Rego. Así, por exemplo, no proxecto presentado, a disposición de enormes pantallas para amortecer o ruído constante do paso de milleiros de vehículos, así como os muros que deben soportar esa rede viaria con rotondas en diversas alturas e o paso dunha gran cantidade de tráfico poden atentar co inescusábel compromiso de preservar o rural.
Goretti Sanmartín afirmou que “o Orbitaliño é unha infraestrutura imprescindíbel para o desenvolvemento económico Santiago que ten que ter a correspondente dotación orzamentaria de maneira inmediata, mais que Concello e Ministerio deben atender as demandas veciñais e chegar a un acordo consensuado sobre a proposta de trazado que menor afectación teña no núcleo de Formarís”.