O BNG celebra mañá o primeiro Consello Nacional do novo curso político que ten como principal punto da convocatoria a proclamación de Ana Pontón como candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, unha vez finalizado o proceso de elección da militancia nas 25 asembleas comarcais do país e na emigración, nas que participaron arredor de 2.000 persoas.
Pontón colleitou un apoio practicamente unánime entre as bases nacionalistas, -sen ningún voto en contra-, mostra do consenso que suscita a figura da portavoz nacional para encabezar a alternativa do BNG nas vindeiras eleccións galegas e liderar o cambio real que necesita Galiza.
Un apoio que avanzaba o feito de que a da actual portavoz nacional fose a única candidatura presentada, multiplicando por seis a cifra de avais requiridos.
O Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, tamén abordará a cita coas urnas, co obxectivo de mobilizar ao conxunto da organización para empezar a traballar desde xa nos comicios galegos, que o Bloque encara con ambición e sen poñerse límites, desde o convencemento de que Galiza precisa abrir un tempo novo que deixe atrás a década de Feixóo.
A dirección nacionalista tamén analizará o transcendente acordo de investidura entre BNG-PSOE que permite desbloquear asuntos claves para o país en materia de infraestruturas, sector industrial, benestar social e igualdade e autogoberno. Un acordo que, ademais, demostra a utilidade de ter forzas políticas propias e coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, capaz de facer valer Galiza ante o Estado sen ataduras nin submisións.