A deputada do BNG, Montse Prado formulou unha pregunta ao goberno sobre as causas que provocaron “o colapso” na Ponte de “Santa Marta” que cruza o río Umia á altura de Ponte Arnelas, entre so concellos de Vilanova de Arousa e Ribadumia.
A nacionalista preguntou polas causas pero tamén considerou que o “colapso” é responsabilidade do goberno e a esta alturas, dixo, aínda están por investigar as causas do acontecido o pasado día 18 de abril.
A deputada considerou que despois de tres meses, seguen sen aclararse as causas e afirmou que neste caso, a responsabilidade corresponde, “exclusivamente ao Partido popular”.
Na súa intervención, Prado explicou que a ponte forma parte da variante de Ponte Arnelas, construída para restrinxir o intenso tráfico da PO-300 pola ponte antiga, inaugurada hai tan só 16 anos e cun investimento de máis de tres millóns de euros. Unha infraestrutura realizada conxuntamente entre a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galiza. Para tal fin, engadiu a nacionalista, en novembro de 2004 foi asinado un convenio por Rafael Louzán como presidente da Deputación e Núñez Feixóo como Vicepresidente primeiro da Xunta e Conselleiro de Política Territorial.
Todo indica, que o colapso da ponte pode ter a súa orixe na oxidación e corrosión polo que preguntou ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez Iglesias, polas inspeccións realizadas, en que datas e con que resultado porque dende abril, a ponte está pechada ao tráfico, e única alternativa posta en marcha pola Xunta foi “desviar” o intenso tráfico pola ponte histórica chamada “dos padriños” que cruza o núcleo de Ponte Arnelas.
“Unha ponte estreita, de época medieval que está soportando todo o tráfico que antes cruzaba pola ponte colapsada, sen ningunha limitación de tonelaxe para os vehículos”.
A deputada do BNG demandou do titular da Axencia Galega de Infraestruturas, presentar un informe no Parlamento Galego coas causas do colapso da Ponte de Santa Marta en Ponte Arnelas, inspeccións realizadas, resultados e as actuacións, orzamento e os prazos para que a mesma poida ser aberta ao tráfico.
Ademais reclamou realizar todas as accións precisas para protexer á antiga “Ponte dos Padriños” que cruza o núcleo de Ponte Arnelas.
Tras a resposta de Menéndez Iglesias, Prado replicou que da súa intervención só se podía deducir que o goberno do PP sigue exixindo aos demais o que o el non fai que é dar explicacións. Pero o máis grave e que nos confirme que dende o ano 2015 non se realizaron inspeccións nunha ponte sobre un río con enchentes e que soporta un importe volume de tráfico. O PP non considerou necesarias as inspeccións da cimentación da ponte? preguntou.
A deputada do BNG criticou que o titular da Axencia galega de Infraestruturas negara o “colapso”, un colapso reafirmou a nacionalista que puido provocar unha traxedia e despois da súa intervención, “quedamos aínda máis preocupados tendo en conta a falta de inspeccións nas infraestruturas e a inseguridade viaria á que vostedes nos abocan “
Prado volveu a reclamar explicacións e sobre todo para que o acontecido na ponte de Santa Marta non se volva a producir, concluíu.