O BNG rendeu homenaxe ao poeta e activista político Avilés de Taramancos, nun acto celebrado no concello de Noia que acolleu as voces de poetas, escritores e escritoras, e representantes da formación nacionalista.
O portavoz municipal no concello de Noia, Ricardo Suárez; o poeta e presidente da AELG, Cesáreo Sánchez; a xornalista e poeta Ana Romaní; o poeta Manuel Pérez, a escritora e concelleira no concello do Porto do Son, Patricia Torrado Queiruga, e a portavoz parlamentaria de Cultura e escritora, Mercedes Queixas, puxeron voz á obra de Taramancos e destacaron o grande compromiso político do poeta de Noia con Galiza.
Durante a súa intervención, Queixas afirmou que a homenaxe a Avilés de Taramancos é “unha celebración de vida, recoñecemento e memoria necesaria ao activista social e político, compañeiro no Bloque Nacionalista Galego e representante do pobo como concelleiro de Cultura na corporación municipal de Noia”.
Para a deputada, a lectura da súa obra poética, tres décadas despois do seu pasamento, “mantén a súa vixencia dunha biografía sempre comprometida coa vida e o noso País”. Segundo recalcou, os versos do poeta de Noia ábrennos a posibilidade de ler Galiza como “epicentro vital e creativo” e concibir a lingua galega como “cordón umbilical que a sustenta”.
A portavoz nacionalista de Cultura remarcou que Galiza é “terra de raíces firmes e terra de poetas comprometidas” e, neste sentido, sinalou a Antón de Avilés de Taramancos como “unha das referentes das que sentírmonos herdeiras”.
O acto de homenaxe ao poeta noiés contou tamén coa participación da Agrupación musical As Lens e unha ofrenda floral ante o busto de Taramancos na Alameda de Noia.