BNG recriminou á Xunta no pleno do Parlamento galego celebrado hoxe o esquecemento dos sectores culturais na reactivación económica e a súa falta dunha estratexia cultural, “revisada e adaptada á conxuntura actual”, para acompañalos no camiño da recuperación.
Nunha interpelación parlamentaria, a portavoz nacionalista de Cultura, Mercedes Queixas, censurou que no recente Debate do Estado da Nación o presidente da Xunta amosou que a cultura “apenas ocupa tempo e espazo no seu proxecto político”.
“Apenas unha mención explícita dunha medida concreta, o Bono Cultura, que xa fora proposto polo Bloque hai un ano e que comezará a funcionar o vindeiro 1 de novembro durante só dous meses e “algo máis de ano e medio despois do inicio da pandemia que aínda padecemos”, reprobou, para a continuación afear ao Goberno do PP que tampouco aceptara a proposta de resolución do BNG de ampliar ao 1% o orzamento ordinario da Xunta destinado aos sectores culturais, “algo que se está demandando dende a UE”, e comprometer o 2% dos fondos extraordinarios Next Generation, así como impulsar a Lei do Fondo Cultural prevista xa no Estatuto.
Segundo a deputada nacionalista, os orzamentos 2022 tampouco “achegan luces esperanzadoras que representen apostar na reactivación e consolidación dos sectores culturais, ao tempo que garanta o acceso á cultura como un dereito”, polo que cuestionou a ausencia dun plan de acción cultural por parte dun Executivo Feixóo con plenitude de competencias en materia de xestión e planificación cultural.
Logo de advertir que diferentes estudos sobre o impacto da crise sanitaria nos sectores culturais galegos, coordinados polo Observatorio da Cultura Galega, conclúen que “a cultura segue a ser das áreas máis prexudicadas de toda a economía galega, Queixas reprochou á Xunta a súa incapacidade para aproveitar o contexto actual para sentar as bases dunha “cultura sustentábel en Galiza”, favorecendo unha economía cultural máis social, que combata a precariedade laboral, que garanta unha xusta retribución das creadoras e creadores e que promova fórmulas cooperativistas que contribúan ao desenvolvemento local e a unha maior estabilidade do emprego e dos proxectos, concibindo a cultura como “dereito fundamental”.
Neste sentido, a deputada do BNG fixo un repaso da xestión do PP, ao que afeou, entre outras cuestións, o anuncio dun investimento de 9,6 millóns para o Agadic, a través da creación do HUB de Industrias Culturais e Creativas “do que apenas escoitamos vaguidades nesta Cámara e nas pasadas semanas lemos unha nota de prensa, ao igual que boa parte do único sector ao que se dirixe: o audiovisual”.
De igual xeito, recordou ao conselleiro de Cultura a renuncia do seu departamento a desenvolver as bases estruturais pendentes, entre as que citou a Lei Galega de Artes Escénicas ou o Plan Integral para a Danza, e a situación baixo mínimos nas que se atopan as unidades de produción, o CDG e o CCG, neste último caso practicamente desmantelado cun orzamento de 50.000 euros.
Sobre o “rebautizo” do CGAI da Coruña como Filmoteca de Galiza, criticou que este centro referencial segue “sen dirección, coa metade das e dos traballadores que chegou a ter, co arquivo sen dixitalizar, a biblioteca pechada e unha programación cancelada sen ningún tipo de información”. Nesta liña, tamén se referiu ao sector do libro, que nos orzamentos 2022 non alcanzan nin o 37% do orzado en 2009 e reduce nun 11,2% as súas partidas en relación a 2021, ao que sumou a “cativísima” proxección internacional da nosa cultura. “En verdade esta será a lexislatura da recuperación da cultura galega como din vostedes?”, concluíu.