BNG recrimina á Xunta as consecuencias das súas políticas nunha Atención Primaria en situación de “alerta sanitaria”

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado rebate o “falso relato” do Sergas sobre xs profesionais: faltan porque non lles ofrecen condicións dignas como si fan noutros sitios

“E pregúntanse por que non queren quedarse aquí cando os incentivos que anuncian son de tres euros a hora por asumir máis traballo”, cuestiona

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, acusou á Xunta no Parlamento galego de insistir en crear falsos relatos sobre a situación sanitaria en Galiza cando a Atención Primaria se atopa nunha situación que cualificou de “auténtica alerta sanitaria”, consecuencia de 13 anos de recortes do Goberno do PP.

“A falta de profesionais non é froito da caída dun meteorito nin tampouco dun tsunami que levou por diante a todos e todas as médicas, é consecuencia de 13 anos de recortes  inmisericordes do seu Goberno”, recriminou ao conselleiro de Sanidade logo da súa comparecencia no Parlamento galego.

Neste sentido, Prado recordou que o BNG xa defendeu iniciativas parlamentarias en 2014 para urxir á Xunta a articular medidas fronte ás xubilacións inminentes no sistema sanitario galego e moitas outras ao longo dos últimos anos para que actuase de igual xeito fronte á precariedade do persoal sanitario, iniciativas todas elas rexeitadas polo PP.

“Levamos anos advertindo de que isto ía acontecer e pedíndolles que tomaran medidas e non quixeron; non quixeron porque esa é a folla de ruta, reducir a sanidade pública para engordar a privada”, reprobou con severidade, logo de recordar que, a día de hoxe, hai na Atención Primaria máis de 700 médicos e médicas, máis de 200 pediatras e máis de 550 profesionais de enfermería a piques de xubilarse, sen que o Executivo do PP planificase o seu relevo.

A deputada do BNG criticou deste xeito o “falso relato” do Sergas de que agora que o problema non é de recursos senón de falta de profesionais, cando é evidente que con menos recursos as condicións laborais do persoal sanitario empeoran e o nivel de precariedade aumenta, o que fai que prefiran outras alternativas que as que se lles ofrecen en Galiza. “En Francia ofrécenlles o dobre de salario, horarios de 08 a 15h, sen quendas de fin de semana e con consultas de 30 persoas como máximo e non como aquí que comezan en 30 e acaban con 60 ou 70; e a vostede sorpréndelle que non queiran quedarse na Atención Primaria galega”, reprendeu.  

“As únicas solucións que poñen sobre a mesa son ocorrencias como pisos en Sanxenxo ou baños de bosque, convertendo ademais nunha poxa a necesidade de dotarse de médicos e médicas porque que pasa cos concellos que non poidan ofrecer pisos na praia? Van ter médicos para cubrir ou non?”, cuestionou para criticar a continuación que agora o Sergas lles ofreza ás e aos profesionais “uns incentivos de arredor de tres euros a hora para que asuman o traballo de dous ou tres cupos, para que continúen pola tarde e ademais facer gardas nos PACs”.   

Para Prado, é evidente que “a menos orzamento, menos sanidade pública” e, neste sentido, recordou que o orzamento da Atención Primaria de 2022 non só é inferior ao de 2021, senón mesmo ao de 2009 e, nesta liña, recordou que Galiza ocupa a terceira posición pola cola no Estado en investimento en Atención Primaria e en remuneración de persoal, segundo o informe de Asistencia Sanitaria que o ministerio publicou en abril.

“Si é cuestión de cartos; de cartos, de planificación e de non maltratar sistematicamente ás e aos profesionais”, deduciu na súa análise, para concluír reprochando ao conselleiro as cifras sobre coberturas de prazas durante a súa comparecencia. “Os seus datos son cuestión de fe porque nos orzamentos non están; levamos anos reclamándolles un sistema de identificación de prazas para saber cal é a realidade e non o fan porque teríanse que enfrontar a ela e vostede non podería vir aquí a dicir o que lle dá a gana”, rematou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG