BNG recrimina ao Sergas que siga botando balóns fóra e incumprindo o acordo parlamentario sobre a endometriose

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado urxe á Xunta a implantar as medidas acordadas e censura que fale dunha boa atención con demoras na diagnose de entre 8 e 10 anos

O BNG reprobou á Xunta no Parlamento galego que continúe botando “balóns fóra” no tratamento da endometriose, unha doenza que afecta en Galiza a 60.000 mulleres, e que mesmo manteña que “están ben atendidas”, cando a plataforma que as representa, querEndo-mulleres con endometriose insiste en que non é así e cando a Xunta segue sen dar cumprimento ao acordo parlamentario impulsado polo Bloque xa en 2015 para implantar no sistema sanitario galego un conxunto de medidas neste ámbito de actuación.

Nunha pregunta parlamentaria, a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, criticou os “mornos” pasos dados polo Goberno galego neste sentido e afeou ao xerente do Sergas que afirmase na súa resposta que a atención que se estaba prestando ás mulleres afectadas era adecuada, sen datos obxectivos que contrasten dita afirmación –“por exemplo en base a un censo do número de mulleres afectadas ou un estudo sobre os tempos nos que son atendidas, pero vostedes non fixeron nada de todo isto”, censurou– e cando o propio colectivo “lles está dicindo por terra, mar e aire que non están ben atendidas”.

“Os tempos de diagnose seguen sendo de 8 ou 10 anos e ningún responsable política pode considerar que un tempo de demora de 8 ou 10 anos é unha atención axeitada”, reprochou con severidade, para a continuación afirmar que “as mulleres que padecen endometriose precisan un Goberno que se poña ao seu lado e que as escoite, non que bote sistematicamente balóns fóra”.

“Se unha doenza que afecta a arredor de 60.000 mulleres en Galiza, afectase a 60.000 homes, a situación sería totalmente distinta e vostede non viría aquí a dicir que están recibindo unha atención axeitada, porque non a están a recibir”, criticou con severidade, logo de subliñar que “a sanidade non está excluída da situación de desigualdade que vivimos as mulleres a nivel xeral e este é un claro exemplo”.

“Estamos no século XXI, non no XVIII, e non podemos permitir que as mulleres pasen por este calvario e que se lles siga dicindo que é normal que teñan dor porque non é normal ter dor e hai que escoitalas e atendelas”, recalcou, despois de concordar coa afirmación dun recoñecido xinecólogo que concluía que “o mundo pararíase se os homes tiveran dor testicular só unha hora ao mes”. 

Prado incidiu en que, neste caso, non se trata ademais dun problema económico, porque a correcta atención da endometriose suporía de feito un aforro: “menos gasto farmacéutico, menos asistencias a Urxencias, menos ingresos hospitalarios, menos baixas laborais”, enumerou. Nesta liña apelou ás medidas recollidas no acordo parlamentario impulsado polo Bloque e entre as que citou os diagnósticos en tempo, dedicación específica e atención dende un enfoque interdisciplinar, medidas que seguen a ser reclamadas polo colectivo de mulleres afectadas representadas por querEndo segue reclamando.

“Son cuestións de mínimos, normais e xustas e, por iso, dándolles voz e facéndonos eco destas peticións pedímoslles que deixe de botar balóns fóra, de buscar escusas e de poñer en marcha, como mínimo, o acordado neste Parlamento, que son medidas necesarias para que as mulleres que padecen endometriose teñan unha atención mínima”. “Insistimos e seguiremos insistindo todas as veces que faga falta traendo a este Parlamento este tema porque vostedes, como Goberno das mulleres galegas, teñen a obriga de dar resposta aos seus problemas e este é un problema que afecta a moitas mulleres e que non están debidamente atendidas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG