BNG recrimina ao Goberno de Feixóo o abuso que está a realizar da contratación temporal na Administración galega, cunha taxa media que se sitúa sobre o 24%, porcentaxe que se eleva ata o 30 ou o 40% en áreas como o ensino ou a sanidade ou que en casos como o do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB) chega ao 90% do cadro de persoal.
Nunha pregunta ante a comisión Institucional e de Administración Xeral do Parlamento galego, o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, urxiu á Xunta a realizar un estudo para coñecer con exactitude o alcance da situación e “acordar solucións cos axentes sociais”, solucións que, segundo subliñou, deben ser respectuosas cos criterios reiteradamente lembrados polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
“Malia os reiterados pronunciamentos da xustiza europea, non se advirte que se estea a abordando o problema”, criticou para a continuación recriminar ao Executivo galego que “a resposta á situación das traballadoras abusadas non pode ser a pasividade, nin tampouco empurralas a colapsar a vía xudicial ou a que renuncien aos dereitos que lles podan corresponder”.
Tabarés recalcou que para poder actuar ante o abuso da contratación temporal para cubrir necesidades estruturais, “o primeiro é coñecer o alcance real deste problema” e, neste sentido, apuntou á necesidade de avaliar a casuística concreta, tendo en conta aspectos como o número e circunstancias das persoas atinxidas, se accederon mediante proceso selectivo ou non ou a súa antigüidade laboral. “Hai que darlle unha solución a esta cuestión e é inaceptable a pasividade da Xunta, ese non facer nada non é asumible”, subliñou.
O deputado nacionalista cuestionou que estas taxas de temporalidade sexan froito das casualidades e apuntou a unha “deliberada vontade de precarización no traballo da Administración pública galega, que facilite a amortización dos postos de traballo, coa redución do tamaño da administración e dos servizos públicos, así como que posibilite a privatización”.
Segundo argumentou, o establecemento das taxas de reposición ou incumprimento da execución das OOPP “son un claro exemplo das accións e neglixencias que provocaron tan inaceptables taxas de temporalidade e precariedade no sector público”. Así mesmo, lembrou que esta situación leva sendo denunciada durante anos non só polo BNG, os axentes sociais ou polas propias traballadoras, “senón que as institucións europeas, tanto a Comisión Europea como o Tribunal de Xustiza da UE, instan tamén a reducir tan elevadas taxas de temporalidade no emprego público”, concluíu.