Galegas 2020

O BNG recorre perante a XEC a recomendación da Xunta de “levar o voto preparado da casa”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Denuncia que esa recomendación xera medo e desconfianza nos colexios electorais e discrimina ás forzas que non teñen capacidade para facer mailing

Pide á Xunta que centre esforzos en garantir que a poboación poida votar nos colexios electorais con seguridade sanitaria e insiste no risco de carretaxe e manipulación do sufraxio por correo

O BNG presentou un recurso de reclamación perante a Xunta Electoral Central (XEC) contra o Protocolo que establece as medidas para o desenvolvemento da xornada electoral aprobado polo Goberno da Xunta, no que se inclúe a recomendación expresa de que as persoas electoras “leven o voto xa preparado desde o domicilio”. A formación nacionalista considera que esta recomendación “atenta contra a pluralidade democrática e contra o principio de igualdade entre as distintas forzas que se presentan”.

En rolda de prensa, a coordinadora de campaña, Goretti Sanmartín, destacou que “esta recomendación provoca medo e desconfianza nas e nos votantes, cando o principal empeño da Administración debe ser garantir a seguridade dos colexios electorais. A Administración non ten que asustar senón garantir que os locais electorais son lugares de confianza para o desenvolvemento da xornada electoral”, explicou.

Igualmente, o Bloque denuncia que esta recomendación “supón unha discriminación que penaliza ás forzas políticas con menor capacidade económica a favor das que teñen máis recursos para facer un envío masivo de papeletas, porque non todas as organizacións poden sufragar ese correo masivo e outras só poden facer un envío parcial, por exemplo, cunha única papeleta por domicilio e non por persoa electora”. Ademais, esta recomendación ven precedida da resposta negativa do PP á proposta do BNG de facer un mailing conxunto, o que permitiría de paso aforrar recursos públicos.

A formación nacionalista tamén alega que existe a opción de non recibir propaganda electoral, un dereito que exercen milleiros de electores, “feito que, xunto coa práctica imposibilidade de realizar distribución de material na rúa, contradí a recomendación da Xunta”, alega a coordinadora de campaña do Bloque. “A liña que defendemos desde o BNG, -recalca- é que a Administración garanta que o proceso electoral se desenvolva con normalidade, con garantías sanitarias e democráticas, sen atentar contra o dereito básico da poboación a exercer a votación nos locais electorais habilitados para ese fin”.

Sanmartín tamén se referiu ao voto por correo, empezando por destacar “a profesionalidade e bo facer de todo o persoal de correos a cargo deste proceso”, de tal xeito que, neste aspecto, “a única preocupación do BNG é reclamar que se reforce o servizo cos efectivos necesarios para atender o proceso e que todo o persoal conte cos medios que lle permitan traballar con todas as garantías sanitarias”.

Tras valorar que a Xunta Electoral tumbase a pretensión do Goberno de votar usando a denominada chave administrativa 365, o Bloque volve denunciar “que hai ambigüidades e perigos” nun sufraxio por correo masivo.

Alterar as regras de xogo

“O voto por correo é unha opción excepcional para persoas con impedimentos para acudir ás urnas na xornada electoral e pretender que sexa masivo supón mudar as regras do xogo e alterar características básicas do procedemento electoral”, destacou Sanmartín, tras advertir que “o sufraxio masivo por correo sen verificación nun espazo público elimina unha das maiores garantías do noso sistema democrático”.

Coa proposta da Xunta, se a persoa que recibe a documentación da man do traballador de correos na súa casa non emite o voto nese momento, abre a porta a que unha terceira persoa poda manipular ese sufraxio e depositalo máis tarde na oficina postal sen que sexa necesaria ningunha identificación.

Unha persoa pode votar por cen

“Que garantías hai de que ese voto chega a destino sen ser manipulado? Unha terceira persoa pode manipular e entregar non só un único voto senón que pode facelo con ducias ou centos de votos entregados por correo. Unha persoa pode votar por dez, unha única persoa pode votar por cen, dando lugar a un claro caso de carretaxe de votos que non sería admisible nunha democracia moderna como a nosa, e esa posibilidade existe”, advirte a coordinadora de campaña.

Igualmente, o BNG reclama un procedemento para facilitar o voto as persoas residentes temporalmente no exterior (ERTA), obrigadas a acudir a un Consulado a distancias de varios centos de quilómetros do seu lugar de residencia, e volve denuncia que uns 10.000 mariñeiros embarcados na flota de altura non poden votar, fronte a colectivos como o da armada ou o dos lexionarios que si poden facelo, “o que supón unha discriminación e a conculcación dun dereito básico”.

“O BNG entende que é prioritario garantir o dereito a exercer un voto seguro na propia xornada electoral nos colexios, gardando os debidos protocolos tanto para persoas electoras como para membros das mesas e interventores/as e apoderados/as, segundo o procedemento habitual. Querer modificar este criterio central leva á distorsión do proceso e reafirmámonos en que pode derivar en perigos e ambigüidades que leven á fraude electoral e potencien a carretaxe.”, conclúe Sanmartín.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG