O BNG presentará unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a desbloquear de inmediato a convocatoria das resolucións oportunas para a apertura de solicitudes de axudas periódicas para as vítimas de violencia machista.
Así o avanza a deputada Noa Presas logo de denunciar o atraso na publicación destas axudas recollidas na Lei galega de 2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que, no seu artigo 39, inclúe este “importantísimo” -recalca- instrumento económico para apoiar ás vítimas na súa recuperación.
Trátase dunha prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero e que, ao longo dos anos foi mellorada, por exemplo cunha modificación en 2016 para que a axuda puidese ser solicitada os doce meses do ano, ou máis recentemente cun novo cambio mediante o que quedou expresamente recollido o dereito a estas prestacións das vítimas de trata.
A Xunta regula estas prestacións a través dunhas bases reguladoras que son aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade e nas que se garante un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e se establecen como potenciais beneficiarias as vítimas de violencia física, violencia psicolóxica ou de trata de mulleres e nenas.
Habitualmente, a Administración galega emite a correspondente resolución no mes de decembro e publícaa nos primeiros días do exercicio seguinte, mais neste 2025 non se publicou aínda nada e o prazo permanece pechado, o que supón un incumprimento da lei e un atranco para todas aquelas vítimas que precisan solicitar a axuda.
“É inadmisible que aínda que pasaron polo Consello da Xunta a finais de 2024, a día de hoxe, estas axudas aínda non estean publicadas, algo que habitualmente se fai o 2-3 de xaneiro”, afonda a tamén coordinadora da área de Acción Feminista do BNG, quen advirte que este atraso de máis de dúas semanas é un “tempo importantísimo para unha muller vítima de violencia machista que precise esta axuda”.
Neste sentido, a deputada nacionalista critica a inacción do Executivo de Alfonso Rueda e reclámalle que “saia da súa desidia e da súa incompetencia”, máis tendo en conta que Galiza contaba no peche de 2024 con 5.801 casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén) e rexistrou cinco vítimas mortais o ano pasado, o que evidencia a intensidade da violencia machista e a necesidade de atender ás vítimas.
Cómpre lembrar que estas axudas periódicas están encamiñadas a romper a situación de violencia que sofren as mulleres e teñen en conta a súa situación socioeconómica co obxectivo de posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor ou da persoa que mantivera sobre ela unha relación de dominación.
Por iso, Presas incide na urxencia de que o Goberno do PP desbloquee inmediatamente a convocatoria destas prestacións e “teña a mesma présa en traballar que ten en seguir a axenda de retrocesos en materia de igualdade do Partido Popular no Estado”, conclúe.