BNG reclama á Xunta no Parlamento unha partida orzamentaria para arranxar a estrada PO-551 en Moaña

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos advirte do deterioro dunha estrada vital para a localidade e pide ao Executivo galego unha acción integral de mellora e humanización

BNG levou ao Parlamento galego o deteriorado estado no que se atopa a estrada PO-551 ao seu paso polo concello de Moaña para reclamar á Xunta unha partida específica no vindeiro orzamento que permita levar a cabo as accións precisas para a súa mellora e humanización.

Segundo explicou o deputado nacionalista Paulo Ríos, a estrada -de titularidade e competencia do Goberno galego- é unha das arterias principais de Moaña e “leva moitos anos nun abandono total en moitos dos seus puntos”, pese a ser a que máis carga de usuarixs soporta de todo o concello. “Non entendemos que existan tramos, moitos deles dunha clara natureza urbana, nunhas condicións de conservación e mantemento moi deficientes e mesmo perigosas”, reprobou.

Neste sentido, reclamou a humanización da vía con accións “que poñan no centro a calidade de vida das persoas que viven, traballan e a utilizan”. “O que non pode pasar é que deixemos que se estrague unha infraestrutura central para a vida no concello de Moaña”, recalcou, logo de advertir que “agora mesmo hai moitos tramos onde as beirarrúas están afundidas ou totalmente rotas, con tubaxe saíndo polos buracos e sen unha accesibilidade para as persoas con problemas de mobilidade, mentres que noutros, as beirarrúas practicamente non existen, facendo perigar a seguridade de quen ten que pasar por elas”.

Ríos considerou “de xustiza” o arranxo da PO-551 ao seu paso pola localidade e, en consecuencia, unha actuación áxil da Xunta ante unha situación que, por outra banda, xera tamén un gran malestar entre a veciñanza, “que ve como se actúa noutros ámbitos e infraestruturas, mais parece que isto non toca”. Nesta liña lembrou que a humanización e adecuación da estrada xa foi obxecto de diferentes mocións do Concello de Moaña ao longo dos últimos anos, “algunhas apoiadas por unanimidade de todas as forzas políticas e outras, co voto en contra do PP pero, sexa como sexa, o goberno local ten trasladado á Xunta en reiteradas ocasións esta necesidade”.

“Entendo que as señorías do PP coñecen de primeira man o estado de conservación do que estamos a falar xa que, como puidemos ver na prensa, o señor Rueda estivo hai uns días en Moaña co voceiro do PP e de seguro que puido ver e dar conta da situación”, ironizou, para a continuación subliñar que as actuacións que se están a realizar nalgúns tramos concretos, como nas parroquias de Tirán, Domaio ou Meira, “chegan tarde e son totalmente insuficientes”.

“Precisamos unha actuación integral que aposte por unha mobilidade e accesibilidade deste século, que aposte polas persoas, pola súa seguridade e pola mellora da súa calidade de vida”, concluíu na defensa dunha iniciativa que non prosperou polo veto do PP.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG