O BNG reclama á Xunta que manteña o incremento extraordinario de horas para o Servizo de Axudas no Fogar (SAF) aprobado en abril co decreto do estado de emerxencia sanitaria e que, segundo comunicou aos concellos, queda limitado ao 30 de novembro e non permite atender a demanda de novas persoas usuarias dende o 30 de setembro.
Así o pediu no Parlamento galego a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, quen lembrou que a pandemia e as súas consecuencias continúan, polo que considerou preciso estender a bolsa extraordinaria de 500.000 horas habilitada no seu día para todo o país co obxectivo de “poder atender ás persoas en lista de espera para valoración de dependencia e a aquelas que por causas sobrevidas pola pandemia o precisen e así o valoren os servizos sociais comunitarios”.
Rodil explicou que a supresión da bolsa extraordinaria provoca que moitas persoas que accederan ao servizo fiquen sen el se non poden ser incorporadas ás horas que teñen asignadas os concellos con carácter ordinario. “Isto as persoas que teñen recoñecido o dereito ao SAF de acordo coa Lei de dependencia -advertiu- porque outras moitas aínda están agardando a ser valoradas nun proceso que tarda neste país até dous anos entre a valoración e o acceso ao servizo”.
Segundo subliñou a viceportavoz do Bloque, “no medio da segunda onda e coa inmensa maioría da poboación afectada por peches perimetrais, con reducións de aforos e con limitacións para prestar o servizo nos centros de día con normalidade”, Rodil considerou incomprensible a supresión da bolsa de horas antes de rematar o ano. Para a viceportavoz do BNG, malia que a situación mudou dende a primeira onda da COVID ata agora, segue a ser preciso manter a ampliación do servizo con carácter extraordinario ata que finalice a emerxencia sanitaria decretada polo propio Executivo galego.