O BNG reclamou no Parlamento galego á Xunta un novo Plan Sectorial Eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados política, sectorial e socialmente para iniciar así un cambio de rumbo nas políticas que desenvolveu ata agora caracterizadas por “patrocinar un pelotazo eólico ao servizo dos oligopolios cun modelo alleo aos intereses sociais, medioambientais e económicos do país”.
Así o manifestou a portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, quen exixiu ao Executivo galego que “deixe de ser o Goberno do IBEX35 e sexa o Goberno de Galiza”, logo de recriminarlle a paralización do sector durante unha década para activalo en 2019 con 19 novos parques e máis de 400 MW instalados, iso si, de tal xeito que o resultado está sendo “unha desfeita”.
Neste sentido, criticou entre outras cuestións a falta de planificación, a renuncia a impulsar e consensuar un novo Plan Sectorial e o divorcio co tecido innovador e universitario. “Estamos vivindo un pelotazo ao servizo dos oligopolios; as eléctricas mandan, vostedes lexislan”, recalcou, para a continuación exemplificar na lei de implantación empresarial que cualificou de “cabalo de Troia” para abrir paso a grandes fondos de investimento”.
Presas acusou ao Goberno do PP de “poñerse de perfil como Administración” sen ofrecer respostas á preocupación e forte contestación social no territorio, coa reivindicación a mediados de novembro por parte de máis de 60 colectivos dun novo modelo eólico consensuado. “Van sentarse a negocialo ou van seguir coa barra libre de concesións sen garantías sociais e ambientais ao servizo das grandes empresas?”, cuestionou.
Ademais da elaboración dun novo Plan Sectorial, a deputada nacionalista tamén puxo sobre a mesa outras medidas para reverter o contexto actual no sector eólico, entre as que citou o desenvolvemento de figuras de ordenación e protección do territorio, salvagardando espazos de alto interese ambiental. Nesta liña, tamén demandou a adecuación ás características do territorio dos proxectos en canto ao seu tamaño e localización; a socialización dos beneficios mediante participación pública e un modelo de contrato para particulares e comunidades, co fomento de parques comunitarios e transparencia sobre prezos e acordos para dar máis capacidade de negociación á sociedade civil.