A través dunha interpelación á conselleira de Política Social, Fabiola García, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil demandou o traspaso da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV), a Galiza e poder compatibilizalo coa prestación da RISGA.
Rodil indicou que “a poboación máis vulnerable” percibe para a súa pervivencia prestacións económicas que deben ser garantidas. Neste sentido, insistiu na necesidade de reformar a Lei de inclusión social de Galiza co fin de “poder contabilizar ambas prestacións”.
Resulta “bochornoso” que a Xunta de Galiza, lonxe de ser parte da solución aos problemas das galegas e galegos, “sexa parte do problema e aínda os prexudique máis”.
Hai un ano, o BNG rexistrou no Parlamento varias iniciativas sobre as consecuencias da incompatibilidade RISGA-IMV. Moitos galegos e galegas, explicou a nacionalista, foron requiridas para devolver miles de euros por percibir a RISGA mentres no se lle aprobaba o IMV. Persoas ás que a Xunta “tratou como defraudadoras” e ás que agora a xustiza comeza a dar a razón.
A este respecto, puxo como exemplo a dun veciño de Vigo que gañou recentemente unha reclamación e con sentencia firma tras demostrar que: a Xunta omitiu o trámite de audiencia durante o proceso de reclamación da persoa interesada, tratou coma se defraudase á administración a quen puxo en coñecemento sempre e con axilidade calquera modificación da súa situación económica tal e como lle esixe a lei e a Xunta, en vez de tramitar a compensación pediulle que “devolvera todo” o que cobrara “legalmente” durante 11 meses a unha persoa que vive con “pouco máis de 400 euros ao mes”.
Hai un ano, explicou a deputada, o PP respondeu que reformarían a lei de Inclusión social de Galiza no segundo trimestre do 2021 pero estamos en abril de 2022 e “seguen sen facer nada” porque en realidade, “non teñen ningunha vontade para reclamar a transferencia a Galiza do IMV”.
A xuízo da nacionalista, o Goberno galego non “move un dedo” para poder seguir utilizando a situación do IMV como “ariete” contra o goberno de España, pero o máis grave, recalcou é que que son moitas as persoas vulnerables afectadas.
Moito nos tememos, dixo que vostedes continuarán na súa postura porque en 13 anos de goberno non reclamaron “nin unha soa transferencia”, son o “goberno máis raquítico da historia deste país”.
No último mes, lembrou a deputada “Euskadi e Navarra acordaron en senllas Comisións mixtas de transferencia o traspaso do IMV”. Van vostedes a convocar a Comisión Mixta de transferencias e incluír nas súas demandas a transferencia do IMV?
Tras intervención da conselleira, Rodil replicou que das palabras da titular de Política Social só se pode desprender que continuarán agardando pola decisión do goberno de España, tras unha soa reunión en tres meses, e criticou o anuncio dun novo paquete de medidas que na súa opinión, volverá a ser outra vez “propaganda”.
A reforma para rematar a incompatibilidade da percepción de ambas prestacións, “é competencia galega” e son moitas as persoas que viven con 436 euros ao mes. Tomen con seriedade esta realidade porque a xente non pode esperar máis e permítame que lle diga, que a estas alturas “eu xa non crea nada do que vostede nos di e moito menos que a finais do 2022 traerán a reforma da lei”.
Por outro lado, a nacionalista pediu á conselleira que utilizara as súas competencias e incremente a contía da RISGA porque “pode facelo” e permitirá a todas estas persoas vivir un pouco máis tranquilas, concluíu.