A parlamentaria do BNG, Montse Prado instou hoxe ao goberno a dotar dun servizo permanente, como mínimo dunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado á comarca do Salnés.
Para a deputada nacionalista, “a falta de recursos sanitarios para a atención de urxencias pon en risco permanente a saúde dos e das veciñas do Salnés” e roza, na súa opinión, “a temeridade.
A través dunha proposición non de lei, a deputada reclamou unha “ambulancia medicalizada” e indicou que a A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 vai sacar de novo a concurso o Servizo de Transporte Sanitario Urxente Terrestre, polo que exixiu que se inclúa á comarca do Salnés “unha ambulancia permanente, 24 horas ao día, os 365 días do ano, dotada permanentemente cun equipo humano composto por médic@, enfermeir@, e 2 técnic@s en transporte sanitario urxente”.
A parlamentaria explicou que a poboación supera os 115.000 habitantes que se multiplica en épocas do ano de maneira especial durante o verán ao que sumou os riscos do traballo no mar e unha alta sinistralidade viaria, circunstancias que requiren recursos sanitarios. Na actualidade o Hospital non conta con UCI, tampouco cardiólogo de garda e a ambulancia medicalizada máis próxima está en Pontevedra, servizo que debe ademais atender a unha poboación de máis de 300.000 habitantes e que tarda unha media de 30 minutos e arredor de 50 no caso da Illa ou Catoira.
Por outra parte, dixo, a demanda sanitaria segue medrando e os servizos de urxencias das ambulancias con base no Salnés: O Grove, Sanxenxo, Cambados e Vilagarcía, aumentaron unha media do 20% entre 2014 e 2018.
Dotar ao Salnés dunha ambulancia medicalizada, recalcou Prado, é unha cuestión de “xustiza” e a Xunta e o PP non poden seguir arriscando a saúde dos veciños e veciñas do Salnés. O tempo empregado na atención de unha urxencia, recalcou, é “un factor esencial”.
A parlamentaria do BNG lamentou, que unha vez máis, o grupo maioritario do Partido popular rexeite unha demanda, ao seu entender, máis que xustificada xa que os recursos sanitarios no Salnés non permiten a atención de patoloxías graves, nin a maior parte das veces, prestar asistencia médica in situ a doentes de extrema gravidade, así como tampouco asistilos con persoal facultativo e de enfermería durante traslados a un centro hospitalario, ao carecer de ambulancia medicalizada, concluíu.