congreso

BNG reclama a retirada dos tres macroproxectos eólicos noruegueses na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista alerta da práctica fraudulenta que implica a fragmentación dun parque eólico e os efectos negativos no medio ambiente que terá se se levaren a cabo estes parques.

Néstor Rego propón novos mecanismos que permitan primar proxectos en favor da xustiza social e que revertan positivamente nos territorios produtores.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar iniciativas na cámara co obxectivo de descartar a implantación dos tres macroproxectos de Statkraft en Rebordechao, Prada e Barxas. Alén de mostrar o seu rexeitamento a estes plans, a formación nacionalista reclama introducir mecanismos correctores que atendan á xustiza social nos procedementos de adxudicación e novas pautas para que a produción enerxética reverta no abaratamento da factura para os territorios produtores.

A solicitude de autorización da compañía nórdica Statkraft  para comezar a desenvolver os tres proxectos afectarán o interior da Galiza, particularmente Ourense, Lugo e o Bierzo. “Tanto a localización, a dimensión, como a proximidade e mesmo o feito de que deberán compartir evacuación e que o desenvolvemento duns está vinculado aos outros fan que se deba considerar como un único proxecto” indica o deputado do BNG no Congreso.

Neste sentido, é necesario lembrar que a fragmentación dun Parque Eólico “é unha práctica fraudulenta” e que existe xa xurisprudencia a respecto diso. “Na Galiza pódense citar distintos casos en que se presentan Estudos de Impacto Ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación global de todo o proxecto para eludir as garantías exixíbeis” incide Rego.

A formación nacionalista reclama descartar a implantación dos tres macroproxectos pola “grave e irreversíbel afectación sobre a calidade paisaxística, a fraxilidade e a vulnerabilidade ambiental nas fases de construción, explotación e desmantelamento” xa que se estarían vulnerando “as directivas europeas e as normas estatais e galegas en materia ambiental e ocasionando un grave prexuízo aos intereses ambientais, económicos e sociais do territorio e das súas comunidades”.

 A actual regulación non permite unha planificación enerxética racional e consensuada no marco da transición enerxética, e tampouco permite regular a adecuación da localización e tamaño ás características do territorio. “É preciso introducir aspectos correctores de xustiza social nos procedementos para a adxudicación de potencia eólica mediante concurso, con criterios de retorno social, económico, innovador ou similar, de forma que se asegure que estes proxectos supoñan progreso social para o conxunto da poboación, favorecendo a consideración da enerxía como un ben público no lugar dun ben especulativo” incide Rego.

Neste sentido, o BNG reclama crear mecanismos correctores para que a produción enerxética reverta nun abaratamento da factura para os territorios produtores de enerxía e, como no caso galego, excedentarios.

O deputado nacionalista tamén critica o contexto en que se están avaliando os tres macroproxectos xa que “a tramitación iníciase en plena situación de alarma socio-sanitaria e restricións xeradas pola pandemia da COVID-19, o que dificulta e impide directamente a adecuada difusión social e o contraste directo con todas as entidades e persoas afectadas”. Alén do mais, Rego alerta da grave afectación “ao medio natural e á biodiversidade”, a vulneración de diversas figuras de protección europeas, estatais e galegas do medio natural e a ruptura do principio de prevención.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG