BNG reclama que os trens AVANT de media distancia entren na bonificación de 100%

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego considera que, se non for así, a decisión do Goberno español castigará dobremente á Galiza, que non conta con servizos de cercanías e cunha media distancia convencional que precisa mellorar en frecuencias e horarios

BNG rexistra iniciativas no Congreso para exixir ao Goberno que os trens AVANT de media distancia entren na bonificación de 100% anunciada por Pedro Sánchez. O Deputado nacionalista, Néstor Rego, considera que esa exclusión castigará dobremente  os galegos e galegas, ao non contar o noso País con servizos de cercanías e ao ter uns servizos  de media distancia convencional manifestamente mellorábeis tanto en frecuencias como horarios ou mesmo prezos non bonificados, “cuestións que concentran as protestas e reclamacións dos colectivos de persoas usuarias habituais”.

Rego sinala que no caso da Galiza non se pode xustificar  esta decisión do Goberno español co argumento que expresou o Ministerio de Transportes de que “a medida quere concentrar os seus efectos nos desprazamentos diarios ao centro de traballo ou de estudos”, porque precisamente estes trens son usados diariamente por numerosas persoas e por esas razóns na mobilidade obrigada en traxectos como A Coruña-Santiago ou Ourense-Santiago. “Excluír os AVANT da bonificación significa que a medida vai ter pouco impacto na Galiza, pois incomprensibelmente o nosso País carece de servizos de ‘Cercanías’ nas áreas urbanas e metropolitanas”, salienta o deputado.

Ademais, os servizos de media distancia convencionais son motivo de queixas frecuentes das persoas usuarias habituais polas escasas frecuencias, os horarios inadecuados -que peoraron co inicio do funcionamento do AVE- e os elevados prezos. “Bonificar o custo a 50% ou 100% durante catro meses está moi ben, mais o que precisamos é unha mellora do servizo e um abaratamento das tarifas que faga o transporte ferroviario atraente frente ao vehículo particular, tamén despois de 31 de decembro de 2022, cando acaben as bonificacións”, subliña Rego.

Ademais, o BNG insiste en que é urxente pór en andamento os servizos de proximidade se de verdade se quere apostar nun transporte público eficaz e sustentábel como o ferroviario. “Galiza sofre unha discriminación evidente, que a Ministra non foi capaz de explicar nin xustificar no Congreso nunha interpelación do BNG. Non hai no Estado español outras áreas metropolitanas como a de Vigo-Pontevedra ou A Coruña-Ferrol sen o servizo de ‘Cercanías’ de Renfe”, enfatiza o deputado nacionalista.

O representante no Congreso critica a política de propaganda do Goberno que, en moitas ocasións, fica por detrás do anunciado inicialmente  . “Pedro Sánchez parece adicto aos grandes anuncios, mais despois cando chega a concreción tamén veñen con ela as rebaixas. Aconteceu hai pouco coa axuda de 200 euros e acontece agora coas bonificacións do tren. Na pasada terza feira no Congreso, Sánchez non fixo ningunha excepción, falou de “Cercanías e Media Distancia” e o AVANT entre a A Coruña e Ourense ten a consideración de media distancia”, enfatiza.

Rego anuncia que o BNG manterá a ofensiva institucional e social para que a Galiza non sexa discriminada nesta materia. “Presentamos propostas no Congreso, mais farémolo tamén noutras institucións e, evidentemente, apoiaremos todas as iniciativas sociais, mesmo de mobilizacións, que xa comezan a se anunciar por parte de colectivos de persoas usuarias”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG