A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez trasladou á consellería do Mar a grande preocupación do sector pesqueiro e marisqueiro ante a merma na produción e a perda de postos de traballo nas rías galegas, neste sentido formulou unha pregunta sobre que medidas serán implementadas para paliar esta situación.
Na súa intervención explicou que das rías galegas viven directa e indirectamente miles de persoas e, polo tanto, “o seu estado e súa saúde, preocupa principalmente os e ás profesionais do mar” que levan anos, demandando un maior “apoio, protección, vixilancia e coidado”. Piden, dixo, “medios materiais, humanos e económicos”, contra o devalo produtivo dos últimos 20 anos.
“Os datos indican que a produción de ameixa babosa do ano 2022 reduciuse con respecto á media dos últimos 20 anos nun 69%, a fina nun 61 %, a rubia noutro 69% e a do berberecho un 23%.” A xuízo da deputada, “pérdese produción pero tamén valor desa produción, a pesar da suba dos prezos dos últimos anos, precisamente pola escaseza do produto”.
Por outra parte, tamén se referiu á perda de postos de traballo e Permex. Segundo os datos do Análise do Sector da Pesca (IGE), “o número de postos de traballo do subsector da pesca e acuicultura pasou de 33.481 no ano 2000 a 19.414 en 2020”, un 43% menos en 20 anos. “O número de permisos de marisqueo a pé (PERMEX) eran 3.724 en 2020 fronte aos 5.124 do ano 2005, un 27,4% en 15 anos. A día de hoxe son 3.614, 110 menos que hai dous anos.
E mentres todo isto pasa, mentres todo o mundo fala, cada vez con maior frecuencia, de que as rías teñen problemas, “a Xunta continúa sen tomar decisións que os atallen”.
O propio sector, recalcou a portavoz de pesca nacionalista, sabe que as solucións, ou as medidas que hai que poñer en marcha para tentar esas solucións requiren tempo e recursos, “requiren planificación e actuacións a medio e longo prazo”.
Ata o de agora, dixo, vostedes desbotaron sistematicamente as propostas do BNG para encamiñar unha progresiva recuperación das rías e da súa produtividade. E nós, e as miles de persoas que viven do mar en Galiza, queremos saber se xa se pararon a valorar a situación que temos e que medidas hai planificadas para recuperar as rías e a produción marisqueira en Galiza.
Tras a intervención da directora xeral de Desenvolvemento pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, que recoñeceu a baixa produción de moluscos e bivalvos a nacionalista replicou a que espera a Consellería do Mar para frear esta merma continúa e lamentou que Rodríguez Carballo ademais de non responder ás preguntas formuladas polo BNG non anunciara “ningunha medida concreta” para “paliar esta desfeita”.
Rosana Pérez criticou a argumentación da membro do goberno por xustificar que a pesar da redución da produto os ingresos aumentaron, neste punto, a deputada do BNG explicou que “todo o mundo, dentro e fora de Galiza, sabe que prezos os dos moluscos bivalvos están polas nubes” derivados precisamente da súa escaseza polo que volveu a reclamar medidas contra os diferentes factores que a provocan.