O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou da mobilización convocada polas AAVV de Teis Chapela e Trasmañó para exixir a supresión das portaxes da AP-9 no tramo Redondela-Vigo. O deputado en Madrid estivo acompañado de militantes e cargos institucionais da formación nacionalista que reclamaron a aplicación do acordo de investidura, asinado entre BNG e PSOE, que recollía a medida que a veciñanza da comarca de Vigo reclama así como a gratuidade para usuarias recorrentes ou a absorción, por parte dos orzamentos, do incremento de 1% anual acumulativo durante vinte anos.
A mobilización convocada comezou na Rotonda de Padín o sábado pola tarde e a formación nacionalista estivo coa veciñanza até a Avenida de Bos Aires, onde remataba a manifestación. Alén da presenza do deputado do BNG no Congreso, tamén estiveron o voceiro municipal da formación nacionalista no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, o voceiro en Redondela, Xoán Carlos González, e a concelleira Jessica García. Así mesmo, na mobilización tamén acudiron as deputadas no Parlamento de Galiza, Carmela González e Alexandra Fernández.
“Unha das reivindicacións históricas da veciñanza de Vigo e Redondela é a eliminación das portaxes do tramo entre estes dous concellos. Non pode ser que a día de hoxe se continúe pagando por un percorrido de 10 minutos que conecta dous concellos limítrofes” afirmou o deputado do BNG. Neste sentido, Rego lembrou que a formación nacionalista asinou un acordo de investidura co Partido Socialista en que recollían esta demanda e recriminou que o Goberno do Estado aínda non executara esta medida “como tampouco aplicou as bonificacións nas portaxes da AP9 para usuarios recorrentes e a absorción do incremento de 1% acumulativo durante vinte anos correspondente aos convenios de 2011 e 2013”.
Alén do máis, o deputado reclamou a humanización do tramo que comeza nas Torres de Padín e a mellora dos pasos elevados na Xorxa e na Trapa. “Hai que eliminar o tráfico pesado en Teis e Chapela e mesmo instalar pantallas contra o ruído. Exemplo disto é a situación do IES Chapela, a carón da autoestrada, que levan 30 anos denunciando os ruídos. Agora, debido á pandemia, ten que abrir as fiestras durante as aulas e ruído da autoestrada aumentou polo que vénse obrigados a empregar micrófono durante as aulas” explicou Rego.
A formación nacionalista lembrou que continúan no marco dunha campaña social para conseguir que o Goberno do Estado aplique as medidas acordadas no acordo de investidura. “O executivo ten que cumprir cos galegos e galegas. Se non o fai, cada día que pasa sen aplicar estas bonificacións afectan á credibilidade do PSOE e a do Goberno e cada día serán máis os galegos e galegas que pensen que non son vostedes de fiar, que non son un partido en que se poda confiar”.