BNG demanda que a casa Cornide sexa declarada ben BIC de inmediato, o que garantiría “a súa protección e devolución ao Pobo, que é ao quen pertence”, recalcou a portavoz parlamentaria de Cultura e Lingua, Mercedes Queixas.
A deputada por A Coruña afirmou que a casa segue a padecer “o espolio dos Franco” e demandoulle ao Goberno do PP que sexa coherente coa resolución do Parlamento para instar á Xunta a axilizar a declaración BIC, proposta impulsada polo BNG e aprobada por unanimidade. Criticou que, pasados 16 meses, “nada sabemos do sucedido”.
Denunciou que non se abriu aínda a casa á cidadanía, tal e como debía terse producido despois do 14 de maio do 2021, data da incoación do expediente, ante o que se preguntou se o Executivo do PP “defende un ben público para Galiza ou defende os intereses da familia Franco”.
Queixas criticou o feito de que os Franco teñan, incluso, a impunidade para colgar a casa espoliada nun portal inmobiliario, sen que o Goberno do PP tome ningunha medida para impedilo nin, afirmou, tampouco se preocupe de protexer os bens inmobles da casa a pesar das reiteradas denuncias da veciñanza sobre a retirada dos mesmos en varias furgonetas.
A deputada do BNG reclama datas concretas para a declaración BIC da casa Cornide e para iniciar o réxime de visitas recollido na lei, ante un PP que tampouco foi capaz de explicar, durante o debate en comisión, que ocorrería se o ben espoliado obtivera un comprador. Queixas concluíu que o PP ten a obriga de “romper coa corrupción histórica do Franquismo que demanda a sociedade e contribuír a reparar a dignidade coa procura da verdade e da xustiza”.