Congreso

BNG reclama ao Ministerio de Transportes recuperar os trens nocturnos na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego urxe o Goberno do Estado a reactivar os servizos de Tren Nocturno ou Tren Hotel suspendidos tras a declaración do estado de alarma, que contan cunha alta demanda social

A frente nacionalista defende apostar pola implantación deste servizo ferroviario nocturno como unha alternativa de transporte viábel e sustentábel, tal e como están a promover distintos países europeos

O Bloque Nacionalista Galego rexistra iniciativas no Congreso para o seu debate e votación co obxectivo de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recupere os servizos ferroviarios nocturnos, suprimidos durante a pandemia, que conectaban a Galiza con outros territorios da península como Madrid ou Catalunya. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, sinala que esta iniciativa conta con apoio social e a demanda suficiente como para reactivar o servizo, máis nestas datas próximas ao Nadal.

A declaración do estado de alarma durante a pandemia da COVID-19 provocou a suspensión dos traxectos nocturnos en tren que unían, a través dos chamados tren-hotel, a Galiza con Barcelona, Madrid, Portugal e Francia. Mais, agora, a pesar de que se normalizaron por completo os desprazamentos, o Goberno do Estado non recuperou os servizos ferroviarios nocturnos. De facto, segundo as declaracións realizadas por varias persoas con responsabilidade dentro do MITMA, semella que non existe interese en reactivar este servizo.

“O Estado español parece ser o único estado europeo que avoga pola desaparición dos servizos ferroviarios nocturnos, curiosamente unha alternativa de transporte sustentábel e viábel para as persoas usuarias, mentres outros países apostan pola impulsar estes servizos” explica o deputado do BNG. Néstor Rego sinala que a axilidade ou duración da viaxe poden ser factores determinantes para moitas persoas, mais noutros moitos casos, a comodidade, o prezo ou a non interferencia cos horarios laborais poden pesar máis.

Neste sentido, a frente nacionalista aposta por recuperar os servizos de Tren Nocturno ou Tren Hotel que foron suspendidos tras a declaración do estado de alarma durante a pandemia pola COVID19 e que aínda non foron repostos “como o Tren-hotel Atlántico de conexión con Madrid ou o Tren-hotel Galiza de conexión con Catalunya”.

“Trátase dunha demanda que conta cun gran apoio social; de feito, decorreron xa distintas protestas e convocatorias de concentracións reivindicativas por parte de organizacións e colectivos das comarcas máis afectadas para reclamar a recuperación de todas as suprimidas coa escusa da pandemia e, en especial, a restitución dos trens nocturnos” lembra o deputado nacionalista. Para a organización nacionalista, esta iniciativa procura tamén manter un adecuado servizo ferroviario fundamental para as zonas rurais que, como sucede neste caso, sofren graves problemas de despoboamento.

O Goberno español debe tomar en consideración que se rexeitase esta proposta e non recuperase o servizo de tren nocturno, estaría afondando no desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza e no mal trato en materia de servizos de transporte ao noso País.  

--

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG