Néstor Rego denuncia a resposta trasladada polo executivo estatal ás preguntas rexistradas polo BNG exixindo a revisión dos horarios e denunciando redución de frecuencias da liña do AVANT e as tarifas aplicadas. O Ministerio di non ter previsto ningunha actuación pois considera que o servizo prestado é suficiente e que permite a conciliación. A organización nacionalista reclama, ao igual que as persoas usuarias, a recuperación de todas as frecuencias suprimidas pola COVID e agora modificadas para adaptala aos horarios do AVE, e o estabelecemento de prezos accesíbeis en todas as liñas a destacar a liña Ourense-A Coruña, pero o executivo desoe estas xustas peticións.
O cambio de horario proposto por RENFE para a liña AVANT que conecta A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense supuxo graves prexuízos para moitas persoas usuarias da liña pois deixou de cubrir as necesidades das persoas usuarias que “teñen que coller o tren por motivos laborais, de estudos ou outros”. Así, aínda que na prensa foron recollidas informacións que apuntaban á intención de revisar os horarios e axustalos ás necesidades reais, agora o Ministerio di que non é necesaria rectificación algunha.
“Un transporte sostíbel e de futuro como o ferrocarril é alternativa perfecta ao transporte por estrada e ao uso de combustíbeis fósiles, mais coas modificacións dos horarios e a redución de frecuencias só se dificulta o uso do tren, non sirve para promover e incrementar a súa utilización” denuncia o deputado do BNG no Congreso. De facto, destaca que existen xa numerosos colectivos formados por persoas afectadas por estes cambios nas frecuencias que nacen para dar resposta ao descontento xerado.
Para a organización nacionalista “é un escándalo” que, coñecendo as protestas e descontento social polos cambios, sigan defendendo que os horarios permiten compatibilizar e que “as frecuencias son máis que antes da pandemia”. En realidade, primeiro co gallo da pandemia e agora coa posta en funcionamento do AVE, centos de persoas “teñen que optar por coller o seu vehículo persoal para chegar ao traballo e non poden coller o tren, como antes, porque os horarios propostos non son compatíbeis”.
“Organizan os novos horarios baixo unha visión puramente centralista que leva a organizar os servizos para conectar Galiza coa meseta mais non dar prioridade aos servizos de conexión interior” recrimina o deputado nacionalista. Mais estas modificacións non só afectan ás persoas usuarias do tren AVANT A Coruña-Ourense, senón que tamén prexudica de maneira colateral “a persoas que empregan a liña de Media Distancia entre A Coruña e Vigo.´
Por outra banda, a organización frentista recrimina a posición do executivo afirmando que a liña AVANT xa está subvencionada. “Cabe lembrar que esta liña ten un elevado prezo dos billetes. Unha viaxe Santiago-Ourense ten un curso de 17.70€, chegando a 20.30€ nalgunhas das tarifas ofertadas por RENFE” denuncia o deputado do BNG no Congreso.
“A resposta do MITMA ás preguntas que realizamos desde o BNG é unha afrenta para todas as persoas usuarias e para todos os galegos e galegas” explica Rego. “O servizo era xa deficitario e non se axustaba aos horarios laborais ou de estudo, mais despois dos cambios horarios realizados a situación agravouse considerabelmente, dificultando a chegada aos seus postos de traballo ou de estudo a moitas persoas”. O deputado afirma que a súa organización non pode aceptar esta posición e que seguirá traballando para que o Goberno do Estado rectifique na súa decisión de modificar as frecuencias e liñas na Galiza, así como que de verdade se leve a cabo unha rebaixa nas liñas AVANT que supón, na actualidade, un prexuízo para centos de potenciais persoas usuarias.