Néstor Rego (BNG) acaba de presentar esta maña no rexistro do Congreso dos Deputados unha iniciativa parlamentaria, demandando ao Goberno central unha rebaixa das abusivas peaxes e a transferencia da AP-9.
A AP-9 converteuse nunha vía fundamental para as comunicacións no eixo atlántico, conectando 5 das 7 principais cidades galegas, sendo a zona que concentra a maior actividade económica.
En Galiza existe unha demanda social unánime para acabar coa estafa das peaxes da AP-9, que se reflicte tamén na reclamación unánime do Parlamento de Galiza da transferencia dunha vía que previamente debe ser rescatada polo Estado e á que, como mínimo e de forma inmediata, deben ser aplicadas rebaixas e descontos significativos.
O Bloque Nacionalista Galego rexeita a autorización por parte Ministerio de Fomento para unha nova suba das peaxes que se producirá a partir de 1 de xaneiro de 2,64%, no que supón o terceiro ano con maior incremento de tarifas de todo o Estado español e que acumula unha suba de 30% en apenas 10 anos.
Esta suba das peaxes é un atranco máis para o desenvolvemento económico da Galiza ao encarecer os transportes de mercadorías e turismos.
Coas subidas anunciadas, as peaxes entre A Coruña e Vigo pasarán a ser para turismos de 16,85€, 0,45€ máis que na actualidade. E as distancias máis longas da autoestrada, Ferrol-Tui, pasarán a pagar uns 22,10€, 55 céntimos máis que este ano. Os grandes vehículos como camións e autobuses pasarán a pagar unha tarifa de 36,35 € entre Vigo e A Coruña, uns 95 céntimos de subida, mentres que o traxecto Ferrol-Tui situarase en 48,35€ por viaxe, 1,25€ máis que agora; é dicir: un percorrido entre o norte e o sur de Galiza situarase para un vehículo pesado preto dos 100 euros.
Os sectores máis afectados son, sen dúbida, os usuarios habituais -fundamentalmente traballadores e traballadoras que ven obrigados a utilizar esta vía por razóns laborais-, as empresas -especialmente de transporte- e transportistas autónomos. A carga das peaxes nos custos de produción das empresas provoca que, en moitos casos, óptese polo uso de vías convencionais, coas consecuencias negativas que isto carrexa para o conxunto da poboación, especialmente polo incremento dos riscos de accidentes.
Mentres que se encarecen as peaxes da AP-9, outras autoestradas do Estado volven a mans públicas.
Ademais, estamos diante dun agravio comparativo que sofre o noso País, xa castigado polo déficit en infraestruturas de comunicación modernas, sustentables e adecuadas ás necesidades do século XIX. Observamos como outras autoestradas do Estado pasaron a ser gratuítas, ou o farán en breve. É o caso da AP-1 (Burgos- Armiñón), ou da AP-4 (Sevilla-Cádiz) e a AP-7 (Tarragona-Valencia) a partir do 1 de xaneiro de 2020. A isto haille que engadir o recente rescate das radiais madrileñas con diñeiro público e a subseguinte rebaixa das tarifas.
Outras autoestradas finalizarán as súas concesións no ano 2021. A partir dese momento, Galiza quedará, con 326 km, como como o territorio con máis quilómetros de vías de pago en todo o Estado.