parlamento galego

O BNG reclama ao Goberno galego un estudo integral para rexenerar a ría de Ferrol e recuperar a produción marisqueira

Ramón Fernández
Ramón Fernández
Ramón Fernández exixe á Xunta que deixe os parches habituais e inicie un “verdadeiro” proceso de rexeneración, tal e como acordou o Parlamento

O deputado nacionalista por Ferrolterra, Ramón Fernández, reclamou á Xunta no Parlamento galego a realización dun estudo integral da ría de Ferrol antes de acometer calquera traballo de rexeneración, un estudo completo que incorpore non só parámetros básicos da auga, senón tamén de sedimentos e dinámicas hídricas.

Ramón ‘Mon’ Fernández lembrou que tanto os técnicos e técnicas da estación de bioloxía mariña da Graña como as confrarías coinciden na necesidade de elaborar dito estudo para poder así definir o proceso de rexeneración sobre bases sólidas e determinar a idoneidade das obras ou tarefas a realizar sen risco a que estas resulten improdutivas ou mesmo prexudiciais.

O deputado nacionalista exixiu así á Consellería de Pesca que dea cumprimento ao acordo da Cámara galega e, máis alá dos parches habituais, inicie un verdadeiro proceso de recuperación da produción marisqueira na ría. “As achegas de áridos, a batea, os arados... non solucionaron o problema e non parece que o vaian solucionar no futuro”, advertiu logo de lembrar á titular da consellería que a situación na ría de Ferrol “é practicamente de colapso, coa metade do banco marisqueiro das Pías totalmente perdido”.

“O sector marisqueiro en Ferrol morre por inanición e estase expulsando á xente do sector, ate ao de agora -incidiu- pouco a pouco, pero é moi probable que despois da campaña de Nadal aumente de xeito importante”. Neste sentido, recordou ao Executivo galego que é responsable de que a ría estea en boas condicións para a súa explotación, polo que o emprazou a cumprir o acordo parlamentario e, no caso de ter que paralizar a actividade para rexenerar, “darlle unha solución ás persoas durante o tempo que non poidan traballar”.

Mon Fernández pediu á conselleira que, se o problema é a necesidade de fortes investimentos e da participación doutras administracións, “dígao, trace unha folla de ruta e póñase mans a obra para conseguir os fondos e a colaboración de quen sexa preciso”. “A ría de Ferrol pode e debe ser produtiva, moi produtiva”, recalcou para recriminar a continuación ao Executivo galego que “non é asumible deixar morrer unha ría”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG