Néstor Rego considera un abuso manter a AP-9 como unha autoestrada de peaxe ata o 2048 tendo en conta dous elementos de actualidade. Por unha banda, no mes de setembro a Unión Europea consideraba as concesións da AP-9 como ilegais. “A concesión tería que acabar no 2013 pero foi prorrogada primeiro por un goberno socialista, de Felipe González, durante 10 anos e posteriormente por un goberno do Partido Popular, o de José María Aznar durante 25 anos” lembra Rego.
“Foron ilegais porque non se respectaron os principios mínimos de concorrencia e, por tanto, está autoestrada atópase agora en mans privadas e cobrando peaxes de forma irregular” denuncia o deputado do BNG. Neste sentido, a formación reclama ao Goberno do Estado que declare “caducada a concesión e recupere a totalidade dos importes pagos en peaxes ao longo destes anos, desde 2013”. Isto supón unha cantidade estimada entre os 1.090 aos 1.400 millóns de euros. Esta resolución europea é consecuencia dun recurso dunha asociación cidadá, En-Colectivo, que tamén reclama a devolución destes importes.
Por outra banda, o informe da Comisión Galega dá Competencia que considera que as compensacións en incremento de tarifas previstas nos decretos de 2011 e 2013 poderían supoñer un enriquecemento ilícito por ser claramente excesivas e que, por tanto, podería considerarse “axudas de Estado” inxustificadas. Rego destaca que a empresa “realizou un investimento de 228,22 millóns de euros, pero podería recuperar máis de 1.463 millóns ata o final da concesión. É un despropósito”
Ademais, lembra o deputado nacionalista, o Consello Consultivo de Galicia considerou en 2020 “nulos de pleno dereito” os decretos que posibilitaron estes incrementos das peaxes. “É un abuso que a empresa concesionaria siga enriquecéndose á conta dos galegos e galegas, ao prezo mesmo de lastrar o desenvolvemento social e económico do noso País e aínda por encima de maneira ilegal. Se o Goberno español continúa permitíndoo, será cómplice”, recrimina Rego. Neste sentido, Rego reclama rescatar a concesión da AP-9, sen compensación para a concesionaria e mesmo recuperando todos os importes que foron pagados indebidamente.