A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a “Asociación de Víctimas do Alvia 04155” mantiveron hoxe unha xuntanza coa Comisaria de Transportes da UE, Violeta Bulc para valorar os diferentes procesos abertos en relación co accidente acontecido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013. “É un paso máis nesta loita titánica para que saia a verdade sobre o accidente”, destacou Ana Miranda, ao tempo que Ana Pontón demandou a elaboración dunha investigación independente sobre o accidente
Tras a xuntanza, a portavoz nacional comezou salientando o traballo das vítimas, “unha labor encomiable”. Ao seu xuízo cómpre “pechar as feridas”, que seguen abertas despois de cinco anos nos que vemos a falta de altura de diferentes gobernos tanto galego como do Estado, “que en lugar de poñerse do lado das vítimas, da verdade e da reparación están máis empeñados en que siga parecendo unha misión case imposible que coñezamos a verdade”.
“É importante que saiban que no BNG imos ir até o final”, destacou Ana Pontón, quen recoñeceu entender a frustración tras a xuntanza coa comisaria europea, “porque parece que a burocracia se volve en contra dos dereitos da cidadanía”. Porén a portavoz nacional do Bloque defendeu a existencia dunha lectura positiva da reunión, no sentido en que as institucións europeas manteñen o convencemento de que non se realizou unha investigación independente. “como marca a normativa”.
Ao seu xuízo, “é grave que haxa unha normativa que diga que un estado ten que facer unha comisión independente e non haxa un mecanismo de infracción cando iso se incumpre”. Ao respecto expresou o seu convencemento de que se esa investigación independente non se fai “é porque hai unha interferencia política que quere pechar calquera posibilidade nese ámbito” e subliñou a necesidade de “acabar coa cultura da impunidade”.
Depurar responsabilidades
Segundo manifestou Ana Pontón é “moi inxusto e moi inhumano que as vítimas teñan que seguir loitando por coñecer o que de motu propio tiñan que facer as administracións, que é facer unha investigación independente na que se depuraran responsabilidades”, polo que reiterou que os organismos que teñen que avaliar de maneira independente o fagan”. Ao seu xuízo “non vale” que se escuden no argumento de que como xa son organismos independentes non teñen que facer esa investigación..
Pola súa banda, Ana Miranda afirmou que en 15 días saberemos se a Unión Europea abre un procedemento de infracción contra o Estado español por non aplicar o control de riscos “na curva, no tramo e no tren”. Neste sentido explicou que a comisaria confirmou que en aproximadamente dúas semanas sairá o segundo informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) en virtude do cal a Comisión Europea decidirá se abre un procedemento de infracción ou non contra o Estado español.
Ademais, a eurodeputada galega destacou que na curva de Angrois falta por facer o informe ISA. “Está comprobado que non está feito; sabémolo dende dentro, dende fóra e pola propia resposta que lle da a ERA ao xuíz”, sinalou, ao tempo que animou ás vítimas “a non perder a esperanza” se se abre procedemento de infracción.
Comisión no Parlamento Europeo
Segundo Ana Miranda, que actualmente se incumpra a normativa significa que se incumpre desde 2008 e os indicios das respostas do xuíz “son positivos no sentido do incumprimento, por desgrazas”. No caso de chegar a este punto a eurodeputada do Bloque apuntou a posibilidade de pedir unha comisión de investigación no Parlamento Europeo, ao tratarse dunha normativa europea.
A resposta ao procedemento de infracción depende do que diga a ERA, polo que a Comisión pode reabrilo de oficio ou de parte, tendo en conta que ten dúas presións para facelo: por un lado do informe da ERA porque se di que non houbo avaliación de riscos xa lle obriga a abrir o procedemento; e por outro a denuncia presentada polo BNG. “Non imos parar”, subliñou Ana Miranda.
Pola súa banda, da “Asociación de Víctimas do Alvia 04155” expresaron a súa sensación “ambigua”, en tanto que por un lado comprobaron a frustración da propia Comisaria, ao non poder obrigar ao Estado Membro a levar a cabo a investigación sobre o accidente. Pero, por outro lado, manifestaron a esperanza na xuntanza que Violenta Bulc manterá o vindeiro 10 de xullo co novo ministro Ábalos en Madrid.
“Temos o seu compromiso de que o vai presionar para que se investigue independentemente porque ela tampouco o entende”, manifestou Arturo Domínguez, quen sinalou que no segundo informe da ERA, que se fará público en dúas semanas, haberá unha parte que se refire ao accidente de Angrois. “Temos a esperanza de que Europa teña a capacidade de que se investigue”, afirmou.