BNG propón un plan de reactivación para Ferrolterra baseado na recuperación da ría, o naval e a reindustrialización das Pontes

Ramón 'Mon' Fernández
Ramón 'Mon' Fernández
O portavoz de Industria, Mon Fernández, recrimina o veto do PP á iniciativa e acúsao de ser corresponsable da “crise dramática” que vive a comarca

BNG levou de novo á Cámara galega a crise de Ferrolterra coa presentación en pleno parlamentario dunha moción para propoñer á Xunta o desenvolvemento dun plan integral de reactivación para a comarca articulado sobre tres eixes fundamentais: a rexeneración da ría, a reactivación do sector naval e a reindustrialización das Pontes.

O portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, recalcou que estes tres ámbitos teñen un peso específico “absolutamente determinante” na economía da comarca e considerou urxente “rachar cos acordos” impostos dende Madrid polas forzas políticas e sindicais do Estado ao longo dos últimos 40 anos e que supuxeron en realidade “un cúmulo de prohibicións produtivas como non se coñece en ningún outro territorio do Estado”.

“A comarca de Ferrol precisa hoxe rachar con aqueles acordos da mal chamada reconversión e construír un novo acordo sobre o sector naval”, reclamou sobre o primeiro eixe de actuación para o que pediu a constitución dunha mesa de traballo conxunta de Xunta e Goberno central coas federacións sindicais do sector co obxectivo de elaborar e poñer en marcha un plan específico para a diversificación e recuperación de actividades no centro de Navantia na ría ferrolá.

Entre ditas actividades o BNG apunta a construción naval civil, a participación directa da factoría de Fene e da fábrica de turbinas nos proxectos de eólica mariña (e nomeadamente nos contratos de plataformas flotantes), un plan propio para introducir turbinas no sector das tecnoloxías para a descarbonización da mobilidade marítima e a construción de novas infraestruturas para obra nova e reparacións, como talleres, diques ou elementos de elevación.

A chegada doutras empresas non compensará a perda de emprego no naval

“O sector naval podería dar ocupación a miles de traballadores e traballadoras; dicirlle á sociedade de Ferrol que pode compensarse a perda de postos de traballo no sector naval incentivando a chegada doutras empresas é mentirlle descaradamente: hoxe por hoxe non existe alternativa real ou comparable ao naval en termos de emprego”, recalcou.

De igual xeito, o tamén deputado por Ferrolterra considerou urxente abordar a rexeneración da ría -“un exemplo de abandono por parte de todas as administracións con competencias directas ou indirectas sobre ela”, recriminou-, polo que a moción nacionalista propón a colaboración entre os Executivos galego e estatal para realizar e financiar un estudo integral da ría, que permita iniciar a súa rexeneración, ademais da finalización e posta en marcha das infraestruturas de depuración, concretamente do entronque da rede de saneamento de Neda coa EDAR norte.

Segundo recalcou Fernández, a rexeneración da ría é prioritaria e precisa de vontade política e de recursos económicos para materializarse para facer dela “ese outro motor económico, totalmente integrado no Green Deal que supostamente van promover os fondos europeos Next Generation”.

Por último, e afondando no que sinalou como terceiro eixe fundamental de actuación, o da reindustrialización das Pontes, afeou que mentres a Xunta defende a viabilidade dun proxecto de biocombustibles para a central térmica “sen poñerlle cifras, nin consignar recursos orzamentarios que poidan darlle algún significado e respondendo con evasivas aos plans que ten para a vila”, desatende os traballos para a posta en marcha do convenio de Transición Xusta. “Mentres en outros territorios xa contan con proxectos en marcha, como en Asturias ou Aragón, no caso das Pontes nin sequera comezou a elaborarse”, criticou.

Neste sentido, a moción nacionalista avoga por aproveitar os traballos xa realizados polo Concello para acelerar os prazos ao máximo para impulsar, en colaboración co Goberno estatal, o convenio, así como por promover proxectos de carácter industrial relacionados co sector enerxético que poidan manter a activade da central, e combinalos con outros de nova implantación destinados á produción de hidróxeno e ás tecnoloxías relacionadas co almacenamento de enerxía. De igual xeito, defendeu a procura de financiamento dos fondos Next Generation para a implantación destes proxectos, así como da propia Endesa, Xunta e Estado.

Logo de escoitar os argumentos esgrimidos polo PP para votar en contra da moción, o portavoz de Industria recriminoulle a súa “sarta de mentira cada vez que falan de Ferrol, do sector naval e das Pontes” e fixo “explícitas” as críticas do BNG á Xunta e ao PP: “son vostedes corresponsables, por acción e por omisión, da situación de crise dramática que vive hoxe a comarca de Ferrol”, resumiu logo de subliñar que as propostas nacionalistas “son propostas concretas” e “totalmente coherentes” coas directrices que se impulsan desde a Unión Europea e tamén tanto desde o Goberno do Estado como desde a propia Xunta: “propostas coherentes cos novos paradigmas de transición enerxética e transición tecnolóxica”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG