BNG propón que o Parlamento se sume á iniciativa global para eliminar as patentes das vacinas mentres dure a pandemia

Vacinación
Vacinación

Montserrat Prado defende a adhesión da Cámara á proposta para acadar a exención dos dereitos de propiedade intelectual de fármacos COVID

A deputada nacionalista avoga por incorporar todas as vacinas que superen os preceptivos controis sanitarios aos procesos de adquisición  

BNG vén de rexistrar un paquete de iniciativas no Parlamento galego para que este acorde o apoio á exención dos dereitos de propiedade intelectual relacionados co comercio de fármacos -en especial as vacinas-, tecnoloxía e probas diagnósticas relacionadas coa COVID19 mentres dure a pandemia e ata que se logre acadar a inmunidade de grupo a nivel mundial, unha proposta que parte de India e Sudáfrica e que xa foi apoiada por máis de 100 países, organizacións sociais e sindicais.

Nas distintas iniciativas do BNG tamén se propón que a resolución parlamentaria inclúa a esixencia de non limitar ningunha vacina que teña superado os preceptivos controis sanitarios e que se incorporen todas as que están aprobadas aos procesos de adquisición, así como reclamar ao Goberno galego, estatal e á Comisión Europea que apoien esta proposta “para protexer o dereito das persoas á saúde e á vida”.

Segundo indica a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, as Administracións Públicas teñen a obriga de responsabilizarse da saúde da súa poboación e non externalizala e deixala “en mas de empresas privadas da poderosísima industria farmacéutica, que está tendo beneficios millonarios”. Nesta liña, cualifica de “escandalosa” a opacidade coa que estados e Unión Europea están xestionando todo o referente ás vacinas”.

“A hipocrisía de parecer indignarse co incumprimento das farmacéuticas na entrega de doses mentres, por outro lado, bloquean a adquisición doutras dispoñibles ou a exención dos dereitos de propiedade intelectual”, reprocha para recalcar a continuación que “o que tiña que ser unha prioridade sanitaria absoluta está convertida en pura transacción económica”.

Así, Prado asegura na argumentación das iniciativas que non é entendible que só se estea producindo vacinas en tres países da UE e que non se teñan realizado actuacións para garantir o maior nivel de produción posible. A isto engade a negativa a negociar a adquisición de vacinas que non sexan de “territorio OTAN”, mentres outros estados “xa teñen vacinado a unha porcentaxe da súa poboación maior á que temos nós porque decidiron buscar alí onde había vacinas, sen atender ás presións”.

Neste sentido, insiste en que, “na vez de laiarse da escaseza de vacinas, hai que activar todos os mecanismos para realizar a súa produción masiva”, marco no que encadra a proposta do Bloque: “por iso é precisa esta exención das patentes, para posibilitar a produción masiva, acelerar a dispoñibilidade das vacinas e deixar de protexer os intereses das multinacionais, e garantir o acceso xeneralizado da cidadanía á vacinación”, conclúe.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG