- Na constitución da ponencia da AP-9, o deputado do BNG, Luís Bará propuxo un calendario para a tramitación da lei de transferencia e a súa aprobación na sesión plenaria do vindeiro día 9 de maio co fin de axilizar a súa tramitación no Congreso dos deputados e deputadas
Na constitución da ponencia e elaboración do informe da lei de transferencia da AP-9, o deputado do BNG, Luís Bará propuxo un calendario de tramitación da lei fixando como data para a súa aprobación o primeiro pleno do mes de maio previsto para o día 9 e remisión do texto aprobado ao Congreso.
No inicio da reunión da ponencia celebrada hoxe no Parlamento galego, o nacionalista propuxo o días 20 e 21 de abril como data límite para remitir o ditame da ponencia á mesa da Comisión de Ordenación Territorial e a súa publicación no BOPG, e na Xunta de Portavoces, que se celebrará o día 2 de Maio incluír na Orde do día a designación de defensores da lei de transferencia da AP-9 ante o Congreso das e dos deputados.
O nacionalista propuxo aprobar a tramitación da lei no Parlamento galego o día 9 de maio e posterior remisión ao Congreso.
Por outra parte, o venres 28 de abril reunirase, de maneira extraordinaria, a comisión 2 para ditaminar o texto da ponencia no seu proceso de tramitación.
O deputado nacionalista amosou a súa satisfacción pola dispoñibilidade de todas as forzas parlamentarias apoiando o calendario proposto polo BNG e asegurou que os últimos atascos producidos recentemente na AP-9, “fan urxente a transferencia desta infraestrutura”, así como a súa xestión dende Galiza. “Canto antes entre no Congreso, antes poderá ser debatida e avanzaremos no proceso”,concluíu.