BNG propón unha lei que promova a redución temporal dos alugueres nos locais de negocios afectados pola pandemia

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
“O acordo de non tocar as rendas inmobiliarias dos grandes propietarios” xustifica a negativa de PP e PSOE á proposta, critica Alexandra Fernández

A elaboración dunha nova lei que arbitre mecanismos para a modificación excepcional dos contratos de arrendamento de locais de negocios cuxa actividade fose limitada como consecuencia da pandemia e que promova neste caso a redución temporal das rendas é a proposta do BNG defendida pola súa portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández, no Parlamento galego co obxectivo de que a Xunta contribúa á continuidade das actividades e ao mantemento dos empregos nos sectores afectados polo impacto económico e social do virus.

Fernández explicou que se trata “dunha medida transitoria para procurar unha saída solidaria e equitativa á crise xa que a lei tería en conta as capacidades de arrendadorios e arrendatarios”. Así, na iniciativa nacionalista proponse que, no caso de que un negocio que viu limitada a súa actividade e que non poida facer fronte ao pago do alugueiro, poida acollerse a unha modificación extraordinaria do contrato para reducir a renda na mesma proporción que a redución dos ingresos que se derivan da súa actividade económica e ata un límite do 50%, logo de demostrar a súa incapacidade para facer fronte aos pagos.

A portavoz de Vivenda considerou preciso contemplar a capacidade do arrendador, distinguindo entre “grandes propietarios”, que asumirían directamente a redución da renda porque se entende que teñen capacidade para asumir unha diminución solidaria dos seus ingresos, e “pequenos propietarios”, como poden ser as familias que complementan os seus ingresos cunha renda inmobiliaria, pero que non supera uns niveis de patrimonio ou renda. Neste segundo caso, interviría o Goberno galego mediante axudas para o pago do alugueiro.

“Trátase de arbitrar un mecanismo para que arrendatarios, arrendadores e Administración Pública -incidiu- acheguen a súa parte para acadar o obxectivo común de frear o maior número de peches posibles”. Neste sentido, engadiu que a lei establecería tamén mecanismos para a utilización das cantidades depositadas en concepto de garantía ou fianza como método de pago excepcional e, de igual xeito, aqueles outros que permitiran desistir do contrato de arrendamento sen penalización, “sempre e cando for por motivos imputables á pandemia e tendo en conta a capacidade económica de asumir os riscos, tanto do arrendatario como do arrendador”.

Fernández advertiu de que se da un baleiro legal sobre a modificación excepcional dos contratos na Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), pero “existe xurisprudencia baseada na cláusula rebus sic stantibus, que permite a modificación das obrigas se concorren os requisitos de imprevisibilidade e inevitabilidade do risco derivado, excesiva onerosidade da prestación debida e boa fe contractual”. “Neste caso xustifícase no feito de producirse unha limitación de actividade por imperativo legal, non prevista, que provoca que os arrendatarios non poidan facer uso do que arrendaron; é dicir, o arrendatario de forma inevitable e imprevisible non pode realizar a actividade económica para a cal celebrou o contrato e, por tanto, ten que pagar por algo que non pode usar”, afondou, logo de lembrar que esta cláusula está abrindo xa moitos procesos de litixio que rematan na xustiza “porque a falta de lexislación provoca que a única vía sexa a xudicial”.

Por iso, argumentou que o BNG desenvolve esta iniciativa xa que “existe unha eiva evidente na actual lexislación para dar resposta a unha situación excepcional como é unha pandemia mundial que paraliza a actividade”. “Unha proposta temporal -insistiu- pero que aporta estabilidade e flexibilidade nesta montaña rusa de escalada e desescalada permanente”, para a continuación recalcar que “non modifica de forma permanente as posicións das partes no contrato de arrendamento, senón que supón un reaxuste solidario, fundamental para saír todas desta crise”. “Ou ‘sálvese quen poida’ ou solidaridade; toca escoller”, concluíu.

Ante a negativa do PP e a abstención do PSOE na votación desta proposición non de lei, a deputada nacionalista acusou a ámbalas dúas forzas de manter non só un “acordo no relato, de que aquí non se pode facer nada”, senón de manter “un acordo tamén en termos ideolóxicos”. Despois de lembrar que a lexislación galega ten capacidade para articular mecanismos no sentido proposto, como xa se fixo en cuestións como as herdanzas, Fernández recriminou que o tema de fondo é que “aquí hai unhas rendas inmobiliarias que non deben tocarse” e que tanto o PP na Xunta, “que non está facendo absolutamente nada”, como o PSOE no Goberno estatal, “con medidas baseadas no facer que algo cambia, pero nada cambia”, coinciden “en que non se toquen esas rendas inmobiliarias”.

“O que están facendo -afeou- é obrigar aos arrendatarios a acudir a un proceso de litixio que remata na Xustiza, onde se lles está dando a razón creando xurisprudencia, pero vostedes obríganos a ir por esa vía provocando un colapso xudicial, por un lado, e xerando indefensión ás e os propietarios de negocios que xa están nunha situación límite e que non pode afrontar os custes desa vía xudicial”. Ao seu xuízo, o que está de fondo “nas accións sistemáticas que toman uns e outros nos dous gobernos é sempre o mesmo: nunca tocar as rendas inmobiliarias dos grandes propietarios”. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG