O BNG propón que as institucións culturais do Estado e a RTVE apoien e difundan a cultura galega

Creadoras galegas
Creadoras galegas

Néstor Rego avanza que traballará desde o Congreso nunha proposta que considera lóxica, xa que tamén se financian cos impostos d@s galeg@s

Sanmartín aposta por un Santiago “que teñan na cultura o seu ADN”

A Comisión de Cultura do BNG desenvolveu esta mañá no espazo cultural e formativo a Unitaria, de Compostela, a primeira das actividades de debate sobre política cultural que ten pensado levar adiante nos vindeiros meses.

Co nome de Vermú Precario, na xornada de debate participaron diferentes persoas referenciais na creación e xestión cultural galega actual, como o director de cine Alfonso Zarauza, o músico Alonso Caxade, a actriz Isabel Risco, a música e cantante Faia Díaz, a produtora Arantxa Estévez, o investigador e xestor Marcos Lorenzo, o tradutor, escritor e músico Samuel Solleiro ou a música Alba María. Todas elas debateron, convidadas polo BNG, sobre a precariedade como elemento caracterizador da realidade cultural galega na actualidade, e partiron da propia experiencia profesional e persoal para se achegar á cuestión e formular análises que foron compartidas e motivaron o debate cos e coas asistentes.

A cultura galega no espazo estatal 

No acto, o BNG aproveitou para reclamar estabilidade e apoio á difusión da creación artística do país en todos os ámbitos. De cara a ese necesario apoio, o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, propón que a cultura do país tamén conte coas institucións culturais e cos medios de comunicación públicos do Estado, que para iso son financiados tamén cos impostos dos e das galegas.

“Sen esquecer que a cultura é unha competencia exclusiva, e polo tanto a esixencia primeira é ao Goberno da Xunta e aos medios públicos galegos, entendemos que mentres que financiamos a través dos nosos impostos as institucións e os medios públicos de comunicación españois que promoven a lingua e a cultura española, estes teñen a obriga de contribuír a financiar as institucións que promoven e defenden a cultura galega e os medios públicos teñen a obriga de reflectir a realidade cultural galega”, explicou Rego.

De feito, o candidato nacionalista salientou a repercusión que pode ter a difusión de contidos culturais en lingua galega a través dos medios de comunicación estatal, como se puido comprobar recentemente desde un programa emitido por TVE. “Por experiencia sabemos que iso é un factor determinante á hora de que a produción cultural galega teña máis visibilidade e sexa máis coñecida e, por tanto, é unha liña de traballo que imos desenvolver desde o Congreso”, argumentou.

A candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo en valor a traballo desenvolvido polo BNG en materia cultural desde o concello, lembrando o papel de Rego como concelleiro de Cultura con programas referentes como Sons da diversidade, que trouxo a cidade figuras de primeiro nivel ao tempo que se desenvolvía un tecido en que lle permitiu á creación galega “estar en pé de igualdade coa cultura que se facía a nivel internacional”.

“O programa Sons da diversidade atraía a Santiago xente de todas as partes do país, levamos reclamando lugares de ensaio e hai moitas iniciativa privadas relevantes que merecían unha planificación e mestura de apoio entre o sector público e o privado, planificación, coordinación de espazos, e traer artistas de primeira fila que dialoguen cos creadores locais”, propuxo Sanmartín.

De feito, a candidata nacionalista aposta por devolverlle a Santiago o pulso cultural que perdeu nos últimos anos.

“Defendemos espazos e lugares para que os grupos afeccionados e profesionais que hai en Compostela, para que toda a xente do mundo da cultura poda ter espazos e oportunidades, defendemos unha cidade na que poda haber propostas culturais, música ao vivo,  na que non existan espazos que baleiros cando tiñan que estar facendo oferta cultural”, indicou, en referencia a Sala Iago “que debe ser recuperada”.

“Que a cultura sexa o ADN dun Santiago distinto baseado na súa identidade e na súa lingua, e nunha potencia cultural e creadora inmensa”, concluíu.

Galiza no centro da campaña

En plena campaña electoral, e a preguntas dos medios, Rego salientou que, pese a dinámica que intentan marcar os partidos estatais, o BNG está empeñado en que se fale de Galiza.

“Ás forzas estatais a realidade do país non lles preocupa pero o Bloque ten claro que esa é a prioridade. Por iso dicimos que o verdadeiro voto útil e aquel que fai que os problemas de Galiza estean presentes e se resolven e, ao mesmo tempo, fai posible as políticas de avance social e de freo da involución democrática que trae a dereita españolista. A utilidade dupla do voto ao BNG, unha forza nacionalista e de esquerda”, sinalou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG