- Olalla Rodil dixo que "a Xunta de Galiza ten que involucrarse na conservación do noso patrimonio e dende o Parlamento defenderemos que isto sexa así"
- "Estamos mandando aos turistas que nos visitan a Viladonga cando nós mesmos temos un castro desaproveitado dentro da propia cidade" dixo Rubén Arroxo
O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo desenvolver un plan para escavar e poñer en valor o Castro da Piringalla. Arroxo que visitou a zona acompañado do parlamentario do BNG, Cosme Pombo, e da candidata ao Parlamento por Lugo, Olalla Rodil, asegurou que "tanto o Concello como a Deputación e a Xunta terán que comprometerse para facer os investimentos necesarios".
Para o BNG "o Castro da Piringalla pode converterse nun importante punto de atracción turística para a cidade". Arroxo sinalou que "estamos mandando aos turistas que nos visitan a Viladonga cando nós mesmos temos un castro desaproveitado dentro da propia cidade". O Castro da Piringalla complementaria a oferta turística da cidade "ademais de aportar coñecemento sobre a historia da cidade e converterse nun centro de estudo arqueolóxico" dixo o voceiro nacionalista.
Olalla Rodil dixo que "a Xunta de Galiza ten que involucrarse na conservación do noso patrimonio e dende o Parlamento defenderemos que isto sexa así". Rodil demandará a creación dun ente que coordine as escavacións na cidade e a elaboración dun Plan de Escavacións que priorice as actuacións e estableza unha programación plurianual no que se poderá contemplar a inclusión de estudantes que acudan a Lugo a participar nas excavacións.
O Bloque Nacionalista Galego propón a escavación do Castro da Piringalla e a posta en valor dos restos alí atopados, o que suporía un importante atractivo cultural e turístico para a cidade. O Castro da Piringalla data da Idade do Ferro e é anterior, polo tanto, á época romana, polo que tén un importante valor arqueolóxico. Foi descuberto, no ano 2007, no transcurso dunhas obras municipais de substitución dunha das tubaxes de canalización de auga que conducen aos depósitos municipais ubicados xusto enfronte do castro.
O asentamento castrexo ocupa unha importante superficie adicada a terras de labranza e a súa configuración é circular, protexido por un dobre foso defensivo. No Plan Xeral este xacemento aparece catalogado e incluído dentro dunha zona verde. Precisamente o feito de que a superficie do castro non se atope urbanizada, senón que se mantiveran como terreos agrícolas, fai pensar que o seu estado de conservación sexa bo. Lugo sería deste xeito unha das poucas cidades que tería dentro do seu entramado urbano un castro e isto suporía un importante atractivo dende o punto de vista cultural e turístico.
O BNG propón para este espazo a escavación do castro, a posta en valor ao aire libre dos restos atopados e a construción dun pequeno museo e centro de interpretación que complete o conxunto museístico. Moi preto deste lugar tamén se atopan os restos achados do acueduto usado na época romana para traer a auga ata a cidade. Deste xeito completaríase un interesante circuíto pola cidade que comezaría na época castrexa e remataría na Muralla e a romanización, podendo amosar aos visitantes unha visión máis global e completa do mundo romano e da historia da cidade.