O Bloque Nacionalista Galego, ante a crise causada polo coronavirus que está a provocar graves efectos de carácter laboral, económico e social, tamén no sector cultural, mostrando unha vez máis a precaria situación na que se atopan moitos e moitas creadoras e artistas, vén de presentar unha Proposición non de Lei para deseñar liñas de axuda específicas para o sector cultural. O BNG demanda nesta iniciativa parlamentaria que se incluía cando menos algunha a fondo perdido para paliar unha situación na que non se xeran ingresos, así como axudas directas dirixidas a institucións culturais públicas destinadas á creación de eventos, programacións culturais, mantemento das estruturas e xestión.
O BNG pide que se estableza a suspensión das cotas a autónomos e socios de cooperativas e outras formas de economía social polo peche de actividades ou diminución da facturación, así como un subsidio a aqueles profesionais autónomas e socios das cooperativas e sociedades laborais por cese de actividade. Ademais, o deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, pide que “se establezan bonificacións nas cotas de seguridade social de traballadores e traballadoras asalariadas, así como, o desenvolvemento de políticas de compensación de gastos ocasionados polas anulacións”.
O deputado demanda unha reforma da Lei de Contratos do Sector Público, para que se permita que os contratos coas empresas prestadoras de servizos culturais que non se puideran desenvolver pola crise do COVID-19 non se suspendan e que as administracións asuman parte dos custes fixos deses contratos. Así mesmo, Rego salienta que se debe procurar que as contratacións sexan máis flexíbeis e áxiles, de modo excepcional como remedio á crise, tanto para as empresas de servizos e actividades culturais como para as empresas auxiliares no ámbito técnico.
Dentro desta Proposición non de Lei, o BNG chama ao incentivo desde o Ministerio de Cultura con axudas directas ás institucións culturais públicas e asociacións culturais sen ánimo de lucro para que os eventos e programas culturais (artes escénicas, música, artes visuais, artes mixtas, etc.) non sexan finalmente suspendidos, senón aprazados, e que se realicen de forma inmediata unha vez normalizada a situación. Explica o deputado que deste xeito, o mercado non se resentiría totalmente, xa que existiría unha programación que salvaría as inversións das empresas de servizos e actividades culturais, así como empresas auxiliares no ámbito técnico. Naqueles servizos de museos ou salas de exposicións que foran externalizados, “débense paliar os efectos do peche de programas culturais, de modo que o Estado asuma a responsabilidade subsidiaria co persoal desas empresas”. Isto supón que o apoio ás empresas de servizos e actividades culturais, así como ás auxiliares de cultura e artes, se supedite ao mantemento de como mínimo o 60% do seu persoal temporal.
Os nacionalistas piden a eliminación do IVE aplicado ao sector cultural para equiparalo á educación e formación. “O IVE cultural é un custe para as administracións públicas e baixar o IVE cultural supoñería un aforro considerábel nas partidas de gastos das Administracións e serviría como incentivo ao público para asistir aos espectáculos” afirma o deputado, que tamén demanda a suspensión temporal do pago de cotas de préstamos bancarios concedidos para inversións en equipos técnicos, vehículos, escenografía e outras necesidades que garantan o correcto funcionamento empresarial. Así como establecer unha flexibilización no pago dos impostos, como son os pagos trimestrais do IVE, ou a declaración do IRPF, entre outros, sen aplicar recargos. Como suspender o pago de servizos básicos (auga, luz, gas) para quen deixe de percibir ingresos durante a crise, así como o pago de hipotecas e alugueiros.
Rego pide incentivar o consumo cultural unha vez superada a crise, por exemplo, “establecendo, medidas fiscais, bonos culturais, aumentando a oferta a prezo reducido a certos colectivos, facilitando as actividades artísticas en espazos públicos ou desenvolvendo programas específicos complementarios de acceso determinados segmentos da poboación”.