congreso

BNG propón ao Goberno a gratuidade dos números de emerxencias: 091, 092, 062, 080 e 061 e do 060 da Administración do Estado

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego demanda a revisión do Plan Estatal de Numeración para que estes números de interese social que atenden emerxencias ou prestan un servizo público non teñan custo para as persoas usuarias

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar para demandar ao Ministerio de Asuntos Económicos que estabeleza a gratuidade dos números que atenden emerxencias ou prestan un servizo público na Administración xeral do Estado para que non teñan custo nas facturas de teléfono.

Os cidadáns non deberían pagar por chamar a teléfonos de servizos públicos

Refírese Rego aos números telefónicos de interese social do ámbito das emerxencias como o 062 da Garda Civil, o 091 da Policía Nacional, o 092 da Policía Local, o 080 de Bombeiros Local ou o 061 de Emerxencias Sanitarias. Considera que tamén se debe incluír o 060 de información da Administración Xeral do Estado porque está destinado a prestar un servizo público á cidadanía.

“Cremos necesario que o Ministerio leve a cabo unha revisión do Plan Estatal de Numeración para que estes números de interese social non impliquen un custo na factura telefónica das persoas que os utilizan”, afirma.

Lembra o deputado do BNG que o Plan de Numeración aprobado en febreiro de 2021 estabelece o 112 como número de emerxencias por excelencia, que está harmonizado pola UE e no estado español é atendido polas CC.AA. Ademais do 112 tamén son gratuítos o 016 de Violencia de Xénero, o 065 de Atención a Persoas Dependentes ou o 024 de Atención a persoas en risco de suicidio.

Defende o BNG que a gratuidade se estenda aos números mencionados que son empregados pola xente ante situacións de emerxencias. “As persoas non son conscientes de que cando chaman á Garda Civil, á Policía Nacional, aos Bombeiros ou ás Emerxencias Sanitarias iso vai verse reflectido na factura de teléfono. E despois encóntranse cunha factura encarecida. Precisamente pola súa natureza de servizo público non deberían ter custo”.

Chamar ao 060 e esperar 30 minutos para contactar co SEPE

Do mesmo modo que se chama ao 060 para obter información, facer tramitacións ou xestións da Administración sen pensar que vai ter un impacto na factura. “Hai moitas queixas de persoas que empregan o 060 para contactar co SEPE e tramitar o desemprego e se atopan cun significativo encarecemento da factura dado que chamar ao SEPE implica unha espera media de 30-40 minutos máis o proceso da chamada”.

Para o BNG, esta situación debe ser corrixida e estender a gratuidade aos números de emerxencias así como ao número 060 da Administración.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG