parlamento galego

BNG propón un amplo programa divulgativo para conmemorar en 2023 o centenario do Seminario de Estudos Galegos

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas defende, entre outras actuacións, a recuperación dos fondos do centro e o seu acceso público nun único espazo  

O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa cunha batería de propostas para conmemorar en 2023 o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos e reparar a dignidade do labor intelectual, científico, cultural, económico e político da “extraordinaria xeración” que o fixo posible.

Así pois, a portavoz nacionalista de Cultura, Mercedes Queixas, propón na súa iniciativa que a Xunta desenvolva, entre outras actuacións, e en colaboración doutras institucións como o Museo do Pobo Galego, unha campaña de divulgación popular e recoñecemento da traxectoria científica, cultural e política do Seminario.  

De igual xeito, defende a posta en marcha dun “plan de recuperación dos fondos do Seminario que permita o seu inventario, a súa unificación nun espazo único -xa que estes fondos se atopan dispersos- e o seu acceso público”, así como a elaboración dun estudo que permita recuperar o labor desenvolvido polas mulleres ao redor do campo da investigación no seo do centro.

Este programa conmemorativo contribuiría a pór en valor o que significou o Seminario, un proxecto nuclear do galeguismo da preguerra onde se abordaron todos os aspectos da cultura e da economía do País, nese tempo fóra dos estudos universitarios. Neste sentido, Queixas lembra que aquel centro de investigación centrouse en “avanzar no coñecemento, investigación da nosa identidade cultural e histórica e  contalo e escribilo na nosa lingua propia, en galego”.

A deputada nacionalista considera “que é hora da reparación e da xustiza para cos membros deste Seminario e co seu traballo” que, segundo salienta na iniciativa, acubillou na sección de Ciencias Sociais e Xurídicas do centro a redacción do Anteproyecto do Estauto da Galiza, texto precursor do actual Estatuto de Autonomía. O Seminario adquiriu tamén unha importancia salientable no ámbito internacional, dado que abriu entre 1923 e 1936 novas liñas de investigación e difusión de Galiza para o mundo, como é o caso da romanista alemá Margot Sponer, que presentou no Berlín de 1931 unha tese sobre documentos do galego antigo.

Para Queixas, outro dos obxectivos no ano do centenario do centro é a restauración do seu nome orixinario, Seminario de Estudos Galegos, que hoxe en día continúa a súa actividade Centro de Estudos Padre Sarmiento.  “Hai cen anos Santiago de Compostela converteuse na sede do Seminario de Estudos Galegos, foi a capital científica dunha Galiza con futuro e iso é o que no BNG queremos recuperar como fillas herdeiras deste legado”, conclúe a deputada nacionalista.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG