O BNG presenta un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional polo veto do Congreso á Lei de transferencia da AP9 aprobada no Parlamento, ao considerar que ese veto vulnera o dereito dos deputados e deputadas de xeito individual e como Grupo parlamentario ao exercer a representación do pobo galego en condicións de plena igualdade.
“Solicitamos ao TC a retirada dese veto para restablecer os nosos dereitos como deputad@s e como grupo, pero tamén para restablecer a dignidade deste Parlamento agraviada por ese veto”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen admitiu os “recelos” do Bloque ante este alto tribunal “pero é a única vía ante este atropelo antidemocrático e prepotente, que supón ademais un desprezo aos galegos e as galegas aos que se nos está dicindo que non temos dereito a reivindicar melloras nunha infraestrutura vital para o país”.
Pontón lamentou que o PP e Feijóo non asumiran liderar a presentación deste recurso, -que se formalizará o vindeiro luns ante o TC-, pero subliñou que o BNG “non está disposto a tirar a toalla” no empeño de conseguir a transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes, e con ese obxectivo, “o peor que podemos facer como país é achantar ante un abuso que ten como responsables directos á presidenta do Congreso e deputada electa por Pontevedra, Ana Pastor, e ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, co silencio cómplice de Feijóo”.
“Feijóo nin está nin se lle espera, calquera outro responsable tería feito algo máis que responder co silencio ante este novo agravio, e sen ese silencio o Goberno central non se atrevería a ir tan lonxe”, criticou. Desde a súa posta en marcha, as peaxes na AP9 ascenden a máis de 2.500 millóns de euros e o beneficio da concesionaria supera os 900 millóns de euros, “negocio redondo para AUDASA, pero un lastre para as empresas e para as persoas usuarias”.
Pontón salientou que o Estado ten só tres autoestradas coa concesión máxima de 75 anos de peaxe, dúas están en Galiza, que pese a ter o 6% da poboación soporta o 10% de quilómetros de autoestradas de pago de todo o Estado.
“A única maneira de facernos respectar é exercer como país e iso é o que fai o BNG coa presentación deste recurso de amparo en defensa do que nos convén e que ademais é xusto, porque é absolutamente intolerable nunha democracia que arbitrariamente se veten leis aprobadas polo Parlamento e ante esta situación temos que defender a dignidade deste país”, concluíu.