BNG presenta emendas para incrementar o investimento dos Orzamentos do Estado na Coruña

Néstor Rego e Francisco Jorquera
Néstor Rego e Francisco Jorquera

Rego defende que o proxecto de orzamentos para 2022 debe recoller unha suba das pensións mínimas para superar a fenda de xénero e territorial e unha nova política fiscal “máis xusta e redistributiva”

Jorquera destaca as emendas que reclaman a compensación económica das mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo, a rehabilitación de monumentos históricos abandonados e a transformación do porto interior da Coruña

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro do grupo municipal da organización frentista na Coruña, Francisco Jorquera, presentan as emendas aos Orzamentos do Estado de 2022. A formación nacionalista defende unha compensación económica para as mariscadoras que non poderán faenar durante as actuacións para a rexeneración da Ría do Burgo, a rehabilitación da contorna do Observatorio Meteorolóxico e a aposta por unha rede ferroviaria de proximidade nas áreas metropolitanas para este proxecto de Orzamentos.

“O BNG presenta, nesta ocasión, por volta de 300 emendas aos Orzamentos do Estado cunha contía que supera os 1.500 millóns de euros co obxectivo fundamental de mellorar o investimento no noso País” explica o deputado nacionalista. Así mesmo, subliñou que estas emendas tamén buscan incorporar medidas políticas de carácter social que contribúan a mellorar a calidade de vida do conxunto da cidadanía.

Segundo sinala o deputado do BNG o contexto deste ano é diferente ao do ano pasado, onde a formación nacionalista votou en contra dos Orzamentos porque supuxeron unha diminución dos investimentos na Galiza. Un contexto máis favorábel mais non suficiente para o BNG que reclama que se supere o déficit histórico co País, sobre todo en infraestruturas e especialmente as ferroviarias. “A mobilidade ferroviaria é a mobilidade do futuro. É un medio de transporte eficiente, eficaz e sustentábel. Se queremos diminuír o uso do vehículo particular, temos que prever e prover medios de transporte público” enfatiza Rego.

Precisamente en materia de transporte ferroviario, o deputado sinala que “levamos unha demora considerábel” pondo o exemplo da liña A Coruña-Ferrol que leva desde 1913 sen modernizar e modificar. “A conexión da Coruña con Lugo claramente é deficitaria, non existen servizos de proximidade. Antes de melloralas hai que implantar estas liñas” reivindica. Así, o BNG presentou emendas para reclamar a construción dun servizo de proximidade ferroviaria nas áreas metropolitanas da Galiza e para a modernización dos camiños de ferro que unen A Coruña coas cidades de Ferrol e Lugo.

“Hai propostas que van máis alá do investimento territorializado e atende a mellorar as políticas sociais do executivo como é incrementar as pensións mínimas para reducir a fenda de xénero mais tamén a fenda territorial. Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado español” enfatiza Rego. Emendas para aplicar unha nova política fiscal “máis xusta e redistributiva, por exemplo, co incremento do imposto de patrimonio a partir dun millón de euros ou a redución do IVE para aqueles sectores e servizos esenciais ou de primeira necesidade: enerxía eléctrica, gas, produtos culturais e pesqueiros, de hixiene feminina ou reducir a 10% o IVE dos salóns de peiteados.”

Pola súa banda, o voceiro do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, fixo fincapé nunha emenda que reclama incrementar os recursos para a Rexeneración da Ría do Burgo e destinar unha partida o pago das indemnizacións ás persoas mariscadoras pola suspensión da súa actividade mentres duren os traballos. “Xunta e Goberno Central sigan sen poñerse de acordo para indemnizar ás persoas mariscadoras e prefiren seguir usándoas de reféns na súa interminábel partida de ping-pong” recrimina Jorquera.

Así mesmo, destaca as emendas presentadas para a rehabilitación e a posta en valor de edificios e monumentos históricos como o antigo cárcere provincial- como paso previo para unha posterior cesión ao Concello da Coruña- e a reforma da Ponte da Pasaxe e da antiga Avenida da Vedra, o Centro Oceanográfico ou a rehabilitación da contorna do Observatorio Meteorolóxico. Neste último caso, “coa finalidade de adecuar os terreos  para a súa posterior cesión ao Concello da Coruña, pois son imprescindíbeis para dotar dun parque ao barrio da Agra do Orzán, un dos barrios con maior densidade de poboación”.

“Sobre todo quero destacar unha emenda cunha dotación de 200 millóns de euros para a fachada marítima da Coruña. Unha cantidade equivalente á débeda contraída polo Porto da Coruña con Portos do Estado” enfatiza o voceiro municipal. O Goberno do Estado segue negando ao Porto da Coruña o que concede a outros portos de interese xeral, porque ademais as condicións de pago do préstamo concedido por Portos do Estado ao Porto da Coruña para a construción do Porto Exterior raian coa usura: o montante total da débeda segue sendo de 200 millóns, pero só en intereses o porto xa leva pagados a Portos do Estado 39, 5 millóns.

Jorquera tamén destaca que esta emenda servirá para que o Estado contribúa á transformación dos terreos do porto interior da Coruña- de titularidade estatal- por unha cantidade equivalente á débeda da Autoridade Portuaria da Coruña con Portos do Estado. “Hai que acometer a súa transformación, en colaboración co Concello da Coruña e outras administracións, asegurando o mantemento da titularidade dos usos públicos dos terreos” conclúe o voceiro municipal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG