O deputado do BNG, Francisco Jorquera afirmou que Galiza non é unha mina e o progreso non ven da man dun modelo esquilmador dos nosos recursos
Pleno.- O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Industria, Francisco Conde sobre as previsións da Xunta de Galiza a respecto dos proxectos de minaría e en concreto ao proxecto Isabela II que afecta aos concellos de Coristanco, Vimianzo, Zas, Santa Comba e Mazaricos.
O goberno galego trata a Galiza como unha colonia
O deputado afirmou que Galiza non é unha mina e o progreso non pode vir da man dun modelo esquilmador dos nosos recursos, do noso territorio e da nosa riqueza natural. Jorquera preguntou se ese é o modelo do Goberno, un modelo dixo, que significa pan para hoxe e fame para maña, un modelo que destrúe máis postos de traballo dos que crea e onde os beneficios emigran e os custes se internalizan.
Jorquera explicou que a minaría de ouro ten un compoñente especulativo e a súa viabilidade depende da cotización do metal nos mercados internacionais de capitais e por iso son rendíbeis as explotacións que usan métodos agresivos para reducir custes pero cando o mercado mundial do ouro acumule un exceso de oferta, os prezos caerán, a empresa marchará e na zona ficarán solos estériles, augas contaminadas e unha paisaxe lunar polo que instou á Xunta a adoptar algunha medida para paralizar os proxectos de megaminaría en Galiza.
Pola súa parte, o conselleiro de Industria asegurou que a megaminaría, non existe dende o punto de vista xurídico nin técnico. Sobre o proxecto Isabela II afirmou que é un permiso de investigación que establece a riqueza que temos no noso país o que non significa que o proxecto sexa aprobado para súa explotación. Conde eludiu responder ao nacionalista sobre a paralización do proxecto.
Galiza xa ten o seu ouro, o vento
Na réplica, Jorquera respondeu ao conselleiro que Galiza xa ten ouro, é o noso vento. Neste sentido, lembrou que unha decisión ilegal recoñecida polo Supremo, provocou a ruína do noso sector eólico e nos di a nós que non queremos a industrialización de Galiza, o que non queremos é que traten a Galiza como unha colonia, regalándolla a ENCE ou a empresas de megaminaría.
A súa consellería somete a información pública a solicitude de permiso de investigación mineira Isabela II pero os dereitos mineiros poderán denegarse polo incumprimento dos requisitos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante e ningunha das empresas do grupo avala dispor de capital, traxectoria o número de traballadores para executar un proxecto desa envergadura, o mesmiño que pasou en Corcoesto, primeiro unha pequena empresa fai as prospeccións e logo unha multinacional executa o proxecto por iso, hoxe dende o BNG pedímoslle que recapacite e paralice o proxecto.