- Como candidata á Presidencia, Pontón asina cos alcaldes e alcaldesas do Bloque un compromiso de 20 puntos para abrir un tempo novo tras o 25S
- As medidas están vinculadas ao financiamento, ordenación do territorio e planificación urbana, benestar social e loita contra a violencia de xénero
A candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, e os alcaldes e alcaldesas do BNG plasmaron por escrito a súa vontade de abrir un tempo novo tras o 25S que formalizaron coa sinatura dun documento con 20 compromisos para levar adiante desde a colaboración entre o futuro goberno galego e os gobernos municipais: Compromisos de Ana Pontón e os gobernos municipais nacionalistas para abrir un tempo novo.
Con este acto, o BNG pon en valor a experiencia e o acervo dos concellos nacionalistas como garantía da súa capacidade para levar a cabo “cambios transformadores”. Neste sentido, e tras subliñar o alcance dos 20 compromisos adquiridos, Pontón salientou que o gran compromiso é o que asumen os e as protagonistas do cambio real que o BNG desenvolve desde as cidades e as vilas que lidera.
“O BNG demostrou con feitos que sabemos facer moi ben as cousas cando gobernamos, e para min como candidata á Presidencia é unha garantía saber que contamos para esa tarefa con persoas que xa abriron un tempo novo desde os concellos”, explicou Pontón.
A candidata á Presidencia deixou claro durante o acto de sinatura que “o compromiso máis importante é o que asumen as persoas que veñen protagonizando un cambio real desde os concellos, alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, que hoxe manifestan o seu compromiso de colaborar, de poñer toda a experiencia para que as cousas empecen a facerse ben na Xunta, compromiso de persoas que xa puxeron en marcha cambios transformadores, e poñer todo ese acervo ao servizo de abrir un tempo novo en Galiza”.
No contido concreto dos 20 compromisos, Pontón salientou as medidas encamiñadas a mellorar o financiamento dos concellos, as vinculadas a ordenación do territorio e planificación urbana, ao benestar social, á rehabilitación de vivendas e de espazos degradados. Igualmente, as relacionadas coa xestión do medio ambiente que pase pola supresión de canóns abusivos impostos polo PP e, en materia de igualdade, a loita contra a violencia de xénero.
Saber que se quere, saber facelo
Tras o acto de sinatura, o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de falar en nome de todos os alcaldes e alcaldesas para deixar claro que a transformación só é posible se o BNG ten un papel decisivo no goberno que saia do 25S.
“É urxente desaloxar ao PP da Xunta, pero non vale só con iso. Hai que garantir que ese desaloxo signifique no só un cambio de goberno senón tamén de políticas”, recalcou. “Non basta con saber o que se quere facer, hai que saber facelo, e aí é onde entramos todos e todas as que estamos aquí cunha amplísima bagaxe de coñecemento e de experiencia de xestión que nos coloca na situación de poder gobernar”, proclamou.
A modo de exemplo, Lores presumiu de todas as políticas nas que o Bloque é referente desde os concellos. “Somos referentes ao longo do país en temas que van desde o urbanismo ao medio ambiente, tratamento do lixo e aproveitamento do monte, políticas culturais e recuperación do patrimonio, políticas sociais e de igualdade, valorización dos sectores produtivos, apoio ao comercio local e referentes en xestión administrativa e económica”.
Pontón puxo fin ao acto destacando que a do BNG “é a candidatura que confía nas potencialidades do país, cun programa claro e solvente, avalado pola experiencia e o bo facer dos gobernos nacionalistas nos concellos”.