O BNG traslada a súa solidariedade os traballadores e ás traballadoras de Ferroatlántica que hoxe mesmo protestan no Porto de Brens en Cee pola última decisión do empresario Villar Mir, “que ven de pechar dous fornos no primeiro semestre de 2019 e que está trasladando materia prima fundamental para o funcionamento das plantas galegas a Santander nunha deslocalización encuberta que non ten ningún tipo de xustificación obxectiva”, denuncia a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas.
“O Bloque insta á Xunta a que espabile, que se implique nesta situación e que lle lembre a Villar Mir que ten unha concesión de explotación das centrais sobre o río Xallas que non é a cambio de nada, senón a cambio de manter a actividade e os postos de traballo. E se se incumpre o que di esa concesión será o momento de sentarse a esixirlle que o faga e, senón, anunciar a reversión destas concesións”, argumenta Presas.
A formación nacionalista xa ten rexistrado unha serie de iniciativas parlamentarias en solidariedade co cadro de persoal, e demanda ao Goberno de Feixóo “que deixe de mirar cara outro lado e que se preocupe por unha cuestión fundamental nun momento no que estamos vendo como perigan moitos polos industriais no noso país como é o caso de Alcoa”, conclúe Presas.