O deputado do BNG, Luís Bará replicou á conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez que os veciños e veciñas de Ons son o “verdadeiro patrimonio” da illa polo que pediu respecto e que a Xunta garanta o seu acceso a illa sen restricións.
O parlamentario iniciou a súa intervención criticando as novas normas impostas polo Partido popular no Parlamento galego polas que impide ás persoas que asistan aos debates ou visiten a institución utilizar prendas de vestir, accesorios, carteis ou fotografías reivindicativas. Luís Bará asegurou que privar aos veciños e veciñas de Ons de mostrar unha camiseta co lema “Ons en loita” é “un atropelo” polo que mantivo posta a camiseta durante toda a súa intervención. Esta camiseta, explico foi “vetada e prohibida” na tribuna de convidados e así é como entende o Partido popular a democracia, “vetan unha camiseta e logo protexen aos que rouban con traxe e garabata”.
O deputado acusou á titular de Medio Ambiente de “crear problemas onde non existen”. Neste sentido, lembrou que o Parque Natural de Ons foi creado no ano 2002 e o PP agardou até o 2018 para aplicar o Plan Reitor de Usos e Xestións, PRUX e con ironía preguntou cantos anos estiveron sen aplicalo? Cantos anos “incumprindo a lei dos parques nacionais, tempo no que non existía cupo de visitantes?”.
Vostedes, denunciou o nacionalista, permitiron a entrada de 3.000 persoas en Ons pero o que realmente aconteceu e que os veciños e veciñas da illa reclamaron unha solución aos problemas de luz, auga e saneamento e esas reivindicación provocaron que o Goberno galego restrinxira o acceso dos illáns a Ons. Por outra parte, a Xunta non resolveu como debera a xestión das Illas Atlánticas facendo unha chamada sobre as illas Cíes o que provocou a súa masificación. Agora, “ese efecto chamada tamén se está a ver en Ons”. Bará reiterou que os problemas de masificación só se produciron nalgúns días do mes de agosto como a propia conselleira confirmou.
En opinión do deputado, “si hai que limitar algún cupo debe ser o dos visitantes pero non ás persoas vinculadas familiarmente a Ons”. Vostedes actúan con “soberbia, prepotencia e autoritarismo” e non escoitan á xente. Fixeron “un paripé” pero non deron a cara nunha para resolver o problema.
Bará pediu á conselleira que aproveitara a presenza dos veciños e veciñas de Ons para manter unha reunión ou ben un compromiso de “diálogo” porque o concello de Bueu fixo propostas que vostede non quixo nin escoitar. A corporación municipal de Bueu acordou unanimemente garantir o libre acceso dos veciños e veciñas á illa sen necesidade de “ningún carné especifico”.